O anterior mandatario australiano asumiu en secreto até cinco ministerios

O actual líder do Estado valora tomar medidas legais contra Morrison.
O primeiro ministro Anthony Albanese e o seu predecesor, Scott Morrison, na Casa do Parlamento australiano, en Camberra. (Foto: AAPImage / DPA)
photo_camera O primeiro ministro Anthony Albanese e o seu predecesor, Scott Morrison, na Casa do Parlamento australiano, en Camberra. (Foto: AAPImage / DPA)

O ex primeiro ministro australiano, Scott Morrison, que gobernou desde 2018 até maio deste ano, é o responsábel da “destrución da nosa democracia e dun ataque ao sistema parlamentario tal e como o coñecemos”, sostivo  onte o mandatario actual, Anthony Albanese, tras revelarse nas últimas horas que Morrison nomeárase a si propio durante a pandemia da Covid-19 como titular de até cinco ministerios, decisión que mantivo en secreto.

O 14 de marzo de 2020 asumiu Sanidade e o 30 dese mes Facenda. Pouco máis dun ano despois, o 15 de abril de 2021, fíxose con Industria, Ciencia, Enerxía e Recursos, e o 6 de maio efectuou os últimos nomeamentos, pasando a dirixir Asuntos Interiores e Economía, mantendo estes poderes até o final do seu mandato.

Nalgúns casos incluso sen que as ministras e ministros coñeceran esta situación, como apuntou en The Australian o ex titular de Economía, Josh Frydenberg, que amais de compartir carteira con Morrison era o líder adxunto da súa forza política, o Partido Liberal. Outro tanto aconteceu con Asuntos Interiores; a ministra designada por Morrison, Karen Andrews, sumouse á corrente que dentro da formación reclama a dimisión do ex primeiro ministro, que permanece como deputado. “É unha decepción para a nosa democracia, quedei impresionado, non tiña ningún coñecemento disto”, subliñou outro ex integrante do gabinete, Ken Wyatt, en The Guardian.

Malia os altos cargos que formularon as peticións de dimisión, secundadas polos laboristas de Albanese, o ex primeiro ministro liberal John Howard reiterou esta terza feira que Morrison non debía renunciar, pois provocaría “unha elección parcial non desexada, cara e innecesaria” para renovar o seu escano.

Morrison pide desculpas

Cando comezaron a saír as primeiras informacións, Morrison apresurouse a sinalar que só lembraba ter sido nomeado en tres ministerios, porén, na tarde de onte efectuou unha declaración na que se desculpaba perante o seu gabinete e o país polos auto nomeamentos e por non telos comunicado no seu momento ao lexislativo.

Amais, explicou que tomou esas medidas “como unha salvagarda” no medio da emerxencia da Covid, e incidiu en que “se tivese que usar eses poderes, teríao feito revelando a autoridade pola que estaba a tomar esas medidas”, xustificándose en evitar “demoras en poder tomar decisións en caso de ser necesario”.

Ao tempo, defendeu que eses poderes ministeriais só foron usados unha vez, para bloquear a licencia de exploración do proxecto de extracción de gas natural Pep-11, nas costas de Nova Gales do Sur, nunha zona con forte oposición ao proxecto e que repartía uns escanos que os liberais aspiraban a conseguir, indican medios locais.

Pola súa parte, Albanese anunciou que a próxima semana recibirá asesoramento xurídico sobre as iniciativas legais que pode tomar o Executivo en contra de Morrison, primeiro ministro que decidiu integrar Australia na iniciativa Aukus, unha alianza estratéxica xunta os Estados Unidos e o Reino Unido en contra do poderío chinés no Pacífico, o que permite a Camberra contar cos submarinos de propulsión nuclear que prové Washington.

Unha crise que pon en risco o futuro do Partido Liberal

Para os medios locais, a revelación das decisións de Morrison cuestiona as medidas gobernamentais durante o seu mandato, “o épico declive e caída será o seu lugar na historia”, resolve The New Daily. Porén, tamén implica unha nova crise no seo dun Partido Liberal moi debilitado polos conflitos internos nos últimos anos, pero tamén moi criticado pola xestión da coalición co Partido Nacional.

O propio Morrison substituíu no ano 2018 a Malcolm Turnbull após unha revolta interna, mesmo método polo que Turnbull chegou ao poder en 2015, acabando co Executivo do seu compañeiro de partido Tony Abbott. Entre esta polémica e que a formación obtivo nas eleccións deste ano 2022 os peores resultados da súa historia, con 24% dos votos, non se descarta reactivar o proceso de fusión co Partido Nacional.

Comentarios