O PNV consegue a prioridade dos convenios laborais vascos no seu acordo para investir Pedro Sánchez

A prioridade dos convenios autonómicos é unha vella reclamación da CIG a nivel galego.
Sánchez e Ortuzar asinaron o pacto esta quinta feira (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Sánchez e Ortuzar asinaron o pacto esta quinta feira (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O PSOE e o PNV pactaron, no marco do acordo para investir a Pedro Sánchez como presidente do Goberno español, a reforma do Estatuto dos Traballadores no prazo de seis meses para que os convenios autonómicos poidan prevalecer sobre os sectoriais.

A prioridade dos convenios autonómicos sobre os sectoriais é unha vella reivindicación dos nacionalistas vascos. De feito, a non inclusión desta modificación no Estatuto provocou o voto en contra do PNV á reforma laboral impulsada por Yolanda Díaz na pasada lexislatura.

"Lembrarán que este foi o escollo que nos impediu votar a favor da reforma laboral, o que entón foi imposíbel agora conseguímolo", remarcou o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, tras a sinatura do acordo con Pedro Sánchez no Congreso dos Deputados.

Os vascos aproveitaron agora as negociacións cos socialistas, que necesitan os cinco votos do PNV para investir a Sánchez, para introducir esta prioridade ou prelación nun prazo de medio ano. A reforma introduciríase mediante a modificación do artigo 84 do Estatuto dos Traballadores, relativo á concorrencia dos convenios.

Xa hai unha lei rexistrada

É máis, nesta lexislatura o PNV xa rexistrou unha proposición de lei a este respecto, de maneira que no ámbito dunha autonomía, os sindicatos e asociacións empresariais que sexan lexítimos poidan negociar convenios colectivos e acordos interprofesionais no seu ámbito "que terán prioridade de aplicación sobre calquera outro convenio sectorial ou acordo de ámbito estatal".

Mais isto non sería en calquera circunstancia. Na súa proposta, o PNV quere que isto suceda sempre que os convenios das autonomías obteñan o respaldo das maiorías exixidas para constituír a comisión negociadora na correspondente unidade de negociación e a súa regulación resulte máis favorábel para as persoas traballadoras que a fixada nos acordos estatais.

Ademais, elementos como o período de proba, as modalidades de contratación, a clasificación profesional, a xornada máxima anual de traballo, o réxime disciplinario, as normas mínimas en materia de prevención de riscos laborais e a mobilidade xeográfica non serían negociábeis no convenio autonómico.

Os nacionalistas entenden xustificada a reforma do Estatuto naqueles territorios que teñen unha "dinámica sindical e empresarial propia e diferenciada", como é o caso da Galiza, onde o sindicato maioritario, a CIG, é de ámbito exclusivamente galego. A formación entende necesaria esta medida para responder "de maneira particular" ao tecido e necesidades socioeconómicas específicas do territorio e sempre que a regulación pactada resulte máis favorábel para as persoas traballadoras.

Comentarios