23-X

Rego exixe "derrogar de verdade" a reforma laboral do PP "que manteñen PSOE e Sumar"

O deputado nacionalista afirmou que o BNG demandará tamén no Congreso acabar coa coñecida como 'Lei mordaza', especialmente "os artigos que favorecen os abusos por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado", en alusión á "violenta e represiva actuación policial durante as mobilizacións pacíficas dos traballadores e traballadoras do do metal" en Vigo, pola que tamén pedirá explicacións ao Goberno español.
Néstor Rego, no centro, no acto de hoxe na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, no centro, no acto de hoxe na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso e candidato pola Coruña, Néstor Rego, afirmou esta cuarta feira nun acto con representantes do mundo do traballo na Coruña que é urxente "unha reforma laboral que derrogue de verdade a do PP". Destacou que o recorte de dereitos promovido polo goberno do PSOE-Unidas Podemos quedou en evidencia cando "o PP nos seus máximos dirixentes manifestaron que manterían a reforma de Sánchez e Yolanda Díaz se chegan a gobernar". Tamén se comprometeu a seguir reclamando a derrogación da coñecida como 'Lei mordaza' e condenou a "violencia policial contra as mobilizacións pacíficas" dos traballadores e traballadoras do metal en Vigo.

"Urxe derrogar de verdade a reforma laboral do PP porque o goberno de PSOE-Unidas Podemos, agora Sumar, deixou sen tocar os elementos máis lesivos e, así, é igual de barato despedir agora que co PP", destacou, na súa intervención diante de delegados e delegadas sindicais na Coruña nunha intervención na que denunciou o "incumprimento do goberno" e o compromiso do BNG de "exixir que se recuperen os dereitos laborais e unhas condicións dignas de xubilación e pensións".

Non só, lembrou, se mantiveron os recortes do PP senón que, apuntou, se introduciron outros novos como o aumento da idade de cómputo para a xubilación até 29 anos o que fai "que as persoas que teñan hoxe menos de 50 anos terán pensións máis baixas que as que se cobran na actualidade, o que é claramente inxustos". Afirmou así Néstor Rego que o BNG "insistirá na recuperación dos dereitos, en baixar a idade de xubilación até os 65 anos e o período de cómputo a 15, ademais de favorecer a xubilación anticipada fronte quen defende que teñamos que traballar até máis alá dos setenta anos cando, despois dunha vida de traballo é un dereito de calidade de vida básica poder gozar dun tempo de xubilación".

Aliás, anunciou que pedirá explicacións ao Goberno español sobre a "violenta e represiva actuación policial durante as mobilizacións pacíficas dos traballadores e traballadoras do sector do metal de Pontevedra". Lembrou que fica aínda pendente, "a pesar das promesas electorais do PSOE e de UP", a derrogación da 'Lei mordaza', e que o BNG seguirá a traballar na próxima lexislatura para lograr ese obxectivo, e que se eliminen, especialmente, "os artigos que favorecen os abusos por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado".

"Dereita e ultradereita non gobernarán" se depende dun BNG que pide "máis forza"

Previamente, nunha entrevista en TVE a primeira hora do díaue , garantiu que, na medida en que dependa da súa formación, a "dereita e ultradereita non gobernarán" tras o 23 de xullo, se ben apelou a conseguir "máis forza" no próximo Congreso dos Deputados para, alén de ter decisión na investidura, poder condicionar as políticas para que sexan a favor "das maiorías sociais" e atendan as necesidades da Galiza. "Nós xa dixemos que se depende do BNG, a dereita e a ultradereita non gobernará no Estado español. Xa o fixemos cando o voto do BNG foi decisivo, pero foi un voto que non foi un cheque en branco", manifestou Rego, sobre o acordo de investidura de Pedro Sánchez en 2019, que "permitiu desbloquear a axenda galega" e que nunha "parte cumpriuse e noutra non".

Por iso é polo que o BNG fía a estas eleccións lograr "máis forza" nas urnas, "non só para reclamar máis compromisos, senón para ter capacidade decisiva para cumprilos e ser determinantes". Rego puxo o acento en que "é evidente que Galiza ten moitos problemas" e un "déficit histórico de investimentos en equipamentos e servizos". Neste sentido, indicou que o BNG quere "volver situar o investimento na Galiza nos 2.000 millóns de euros", xa que agora está nos 1.072, e porque "son moitas as cuestións que quedan pendentes, non só en infraestruturas".

Desta maneira, referiuse tamén á creación de xulgados de violencia machista ou á Lei de dependencia como outras cuestións que pendentes no país, para reivindicar que por iso "é necesario unha forza coherente como o BNG no Congreso, que obrigue a impulsar eses acordos para as maiorías sociais".

Preguntado por cal é a prioridade de investidura para o BNG, Rego manifestou que a formación está agora centrada en "explicar á sociedade galega cal é a posición do BNG" fronte á "dialéctica moi polarizada de bloques". "Os problemas da Galiza e as solucións que necesitamos non están nin no bloque de Feixoo nin de Sánchez", remarcou Rego, quen manifestou que o debate cara a cara "gañouno o BNG", porque "veu certificar que temos razón en que se necesita unha forza nacionalista de esquerdas coherente no Congreso para levar a axenda galega e defender políticas sociais avanzadas".

Preguntado polas predicións das enquisas, Néstor Rego sinalou que teñen a "certeza" de que "vai aumentar" a representación no Congreso, como así apuntan os estudos demoscópicos, mais lembrou que estes adoitan proxectar menos representación da que se obtén finalmente, como nas galegas pasadas, lembrou. Por iso, incidiu en que Galiza "necesita un grupo galego forte" no Congreso, que para os nacionalistas pasa por conseguir representación polas catro circunscricións.

Comentarios