A investidura, selada: PNV e Coalición Canaria votarán 'si' a Sánchez

O presidente do Goberno español en funcións asegura 179 votos a favor para reeditar a coalición con Sumar.
Pedro Sánchez e Andoni Ortuzar, asinando o pacto de PSOE e PNV esta sexta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Andoni Ortuzar, asinando o pacto de PSOE e PNV esta sexta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O que nas últimas horas era xa un segredo a voces tornou oficial esta mesma sexta feira. PSOE e PNV asinarán o pacto que permitirá reeditar o Goberno de coalición dos socialistas con Sumar grazas aos cinco votos dos jeltzales, os que faltaban por confirmarse após asegurar Pedro Sánchez os de Junts, ERC, BNG, EH Bildu e a propia formación liderada pola ministra e vicepresidenta Yolanda Díaz. O acordo, aseguran os nacionalistas vascos, supón "grandes avances" para Euskadi e o seu autogoberno "presente e futuro".

O propio líder da formación, Andoni Ortuzar, desprazouse até Madrid para asinar con Sánchez o acordo desde o Congreso dos Deputados. Esta quinta feira o PSOE salvou outro obstáculo importante, o 'si' de Junts, por medio dun documento que marcará unha lexislatura cuxo percorrido dependerá do recoñecemento nacional de Catalunya e da superación das limitacións do autogoberno. Quedaba entón a pelota no tellado do PNV, que agora promete tamén o seu apoio aos socialistas.

E a última hora sumouse tamén Coalición Canaria, cuxa única deputada na Cámara baixa, Cristina Valido, elevará a candidatura de Pedro Sánchez aos 179 votos, tres máis que a maioría absoluta de 176 que precisaba o presidente en funcións, malia deixar anteriormente no ar o sentido do seu voto e mostrarse crítica coas forzas soberanistas. Só se oporán á investidura do socialista PP, Vox e UPN.

Partido Socialista e PNV acordaron no documento que Sánchez e Ortuzar asinaron hoxe o "traspaso efectivo" a Euskadi de todas as transferencias pendentes no Estatuto de Gernika, ao tempo que abren a porta a falar do "recoñecemento nacional" do seu país e a "salvagarda" do seu autogoberno e competencias propias. O líder jeltzale referiuse tamén ao caso galego: "Euskadi, Galiza e Catalunya comparten a aspiración do recoñecemento nacional, mais viven momentos políticos diferentes".

Tamén se comprometeron a negociar e aprobar nun prazo aproximado dun ano e medio, desde que comece a próxima lexislatura en Euskadi —as eleccións serán previsibelmente en xuño— un pacto para ampliar o autogoberno, que deberá contar tanto co visto e prace do Parlamento vasco como das Cortes Xerais, e será ratificado posteriormente pola cidadanía vasca perante referendo. Farase aproveitando "as potencialidades" contempladas na Constitución, no referido aos "dereitos históricos dos territorios forais".

Co obxectivo de garantir e potenciar o diálogo entre institucións crearase, aliás, unha comisión bilateral permanente entre Goberno español e vasco, seguindo a estela da mesa de negociación Catalunya-España dos últimos anos. Alén das reunións de traballo que se convoquen, cada seis meses deberá reunirse de forma presencial coa asistencia do lehendakari e mais do presidente español. Ao mesmo tempo, o Goberno estatal comprométese a implementar "de maneira inmediata" unha axenda de "reformas e transferencias cunha incidencia positiva sobre o benestar social e o progreso económico de Euskadi", comezando co "cumprimento das competencias de Euskadi estabelecidas no vixente Estatuto".

A investidura, inminente

Unha vez garantidos os apoios precisos no Congreso, e á espera de que se pronuncie a presidenta da Cámara, a socialista Francina Armengol, desde a contorna do presidente Sánchez comeza a barallarse o horizonte da vindeira semana para convocar a sesión de debate e votación da súa investidura. Concretamente, o PSOE valora a cuarta feira día 15 e a quinta día 16, polo que a primeira votación sería nesta última xornada e, no caso —improbábel— de fracasar, a segunda decorrería o sábado 18.

Comentarios