A CIG demanda un convenio galego para o sector das TIC

Delegados e delegadas concentráronse ante o 'Talentia Summit 23', o foro sobre tecnoloxía e innovación no panorama laboral que decorre en Compostela.
Mobilización da CIG no sector das TIC, esta quinta feira en Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Mobilización da CIG no sector das TIC, esta quinta feira en Compostela (Foto: Europa Press).

Esta sexta feira, delegados e delegadas da CIG concentráronse ante o 'Talentia Summit 23', o foro sobre tecnoloxía e innovación no panorama laboral que decorre en Compostela, para reclamar un convenio galego para o sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).

Coreando consignas como 'Convenio xusto, convenio xa' e 'Convenios aquí e non en Madrid', os manifestantes trataron de reabrir a negociación que se deu en 2018 no seo do Consello Galego de Relacións Laborais para estabelecer un acordo marco. "Fechouse en falso", advertiu o responsábel da sección TIC da central nacionalista, Alexandre Espinosa.

Segundo explicou o portavoz da CIG, existe un convenio de consultaría "mais está desfasado" e en abril asinouse o de carácter estatal para as TIC, que non subscribiu a central nacionalista porque supuxo, segundo os seus datos, unha perda de 10% do poder adquisitivo, ao "non cubrir a suba do IPC [Índice de Prezos de Consumo]".

Así mesmo, apuntou a cuestións "sen regular" na Galiza como quendas e gardas, e a que a CIG quere un convenio "que reflicta a realidade do sector, que ten beneficios de dúas cifras e no que a xente está case en precario, cobrando ás veces o salario mínimo". Con todo, admitiu que "o tema salarial ás veces non é o máis importante" e cifrou nuns 40.000 as persoas traballadoras galegas dun sector que "está a crecer".

Comentarios