23-X

EH Bildu marca o paso nas eleccións estatais en Euskal Herria

A esquerda abertzale desbanca o PNV como principal forza nas estatais, onde o PSOE é a forza con máis votos. EH Bildu é primeira forza en Gipuzkoa, o PNV en Bizkaia e o PSOE en Araba e Nafarroa.

Otegi pregunta a Sánchez e Iglesias se van vernizar ou democratizar
photo_camera Arnaldo Otegi, de EH Bildu, en rolda de prensa.

Bildu logra seis deputados –5 por Euskadi e 1 por Nafarroa– e desbanca o PNV, que perde 1 e fica en 5, como a principal forza do campo nacionalista, algo que xa viña detectándose nalgunhas das anteriores eleccións, como as pasadas municipais.

As eleccións en Euskal Herria (Gipuzkoa, Bizkaia, Araba e Nafarroa) deixan o PSOE como a forza máis votada, con 7 representantes; seguida de perto pola esquerda abertzale, cos mencionados 6 deputados e deputadas.

O PP é a cuarta. Sumar logra un escano por Bizkaia e UPN faino por Nafarroa. Vox non obtén representación e apenas suma entre as catro provincias 47.000 votos.

Non son os do domingo os mellores resultados da esquerda abertzale nunhas eleccións estatais. En 2011 Amaiur –EH Bildu, para entendernos– logrou uns notábeis resultados, motivados en gran medida polo feito de que xusto un mes antes ETA decretara o final definitivo da súa actividade armada. Con case 335.000 votos (22,08% e sete deputados), foi a segunda forza máis votada no conxunto de Euskal Herria, só excedida por PP-UPN, entón en coalición, por pouco máis de 3.000 votos.

No que atinxe a Euskadi (Gipuzkoa, Bizkaia, Araba) con case xa o total do voto escrutado para o Congreso, os socialistas sacan 25,27% dos apoios (máis de 6 puntos a respecto das eleccións de novembro de 2020). O PNV logra 24,05% tras perder case 8 puntos, EH Bildu consegue 23,95% (con máis de 5 puntos máis que nas anteriores eleccións estatais); PP, logra un 11,49% (2,6 puntos máis), Sumar, 11,07% (Podemos obtivera 15,42%) e Vox, 2,61%.

En Nafarroa, o PSOE consegue 27% dos votos e 2 escanos (1 máis que en 2019), sendo EH Bildu segunda foza con case 18% dos apoios en urna e 1 representante, o mesmo que tiña hai catro anos. O PP atinxiu 16%, UPN 15%, Sumar 13% e Vox non chega a 6% dos votos. O escano de PP e de UPN equivalen aos 2 que tivera en 2019 a coalición 'Navarra Suma', impulsada por PP e Ciudadanos.

Comentarios