Plan estatal até 2050 para converxer cos líderes da UE

Co aval da Comisión Europea, Pedro Sánchez, presidente do Estado español, presentou esta quinta feira un plan que se debaterá nas vindeiras semanas con institucións públicas e privadas, co obxectivo de converxer en 2050 cos oito Estados cun maior desenvolvemento socieconómico dentro da UE.
O Presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, durante a presentación do plan. (Foto: M.Fernández / POOL / Europa Press)
photo_camera O Presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, durante a presentación do plan. (Foto: M.Fernández / POOL / Europa Press)

Acompañado das catro vicepresidentas do Goberno do Estado español e do vicepresidente de Relacións Interinstitucionais e Prospectiva da Comisión Europea, Maros Sefcovic, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou o plan España 2050, que ten como obxectivo que o Estado converxa nesa data cos países máis desenvoltos da Unión Europea.

Esta estratexia está asinada por 100 autores coa participación de académicos de máis de 30 universidades, que desenvolveron 200 obxectivos resumidos en 50 indicadores cuantificábeis que estabeleceron para achegarse aos oito Estados que o plan identifica como de desenvolvemento alto dentro da UE, nos que inclúe a Austria, Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Países Baixos e Suecia.

No acto, Sánchez recoñeceu varios dos problemas do Estado, “o noso tecido produtivo é fráxil, a poboación ten formación inferior, a xuventude ten dificultade para acceder a emprego estábel e a unha vivenda, hai pobreza e desigualdades inadmisíbeis”.

No resumo executivo da proposta sinálase que, segundo os estudos previos, unha persoa cun título universitario no Estado ten un menor nivel de comprensión lectora e habilidade matemática que unha persoa co Bacharelato nos Países Baixos.

Ademais inclúe unha proposta de taxa para os billetes aéreos e a eliminación dos voos dunha duración inferior a dúas horas e media. Asemade, apúntase a inevitabilidade da desaparición de parte da poboación rural, responsabilizando as diferencias fiscais entre territorios influenciou "a situación de recursos produtivos e sés sociais de empresas", destaca o texto.

Entre os obxectivos para a achegarse ao grupo de cabeza da UE indícase a necesidade de incrementar até o 2050 nun 50% a produtividade, ao tempo que, a nivel de desenvolvemento humano, no documento indican que, entre outros, tería que aumentar en 23 puntos porcentuais a poboación entre 25 e 34 con estudos superiores a ESO.

O plan tamén estabelece que en 2050 a taxa de paro terase que reducir até o 7%.

"Dialoguemos para decidir que país queremos ser en 30 anos", di Sánchez

Na presentación do plan España 2050, Pedro Sánchez anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as conversas con institucións tanto públicas como privadas para mellorar a proposta, e chamou á participación e ao diálogo “para decidir que país queremos ser en 30 anos”.

O documento é unha aposta polo impulso da innovación e a modernización do tecido produtivo e da cultura empresarial, que inclúa a transición cara a un modelo de desenvolvemento sostíbel no que salienta a “consecución da plena igualdade de xénero”.

Tamén se recolle o fortalecemento dos servizos públicos, con especial énfase en saúde, ensino e coidados; o redeseño das prestacións sociais; a modernización da Administración Pública e a reforma do sistema fiscal para aumentar a súa progresividade.

Comentarios