Pedro Sánchez: "Queremos que o 9 de maio sexa o punto final do estado de alarma"

Afirma que a finais de agosto estará vacinada 70% da poboación do Estado español, 33 millóns de persoas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia (Foto: Moncloa).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Moncloa).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, avanzou que até 33 millóns de persoas estarán totalmente vacinadas contra a Covid-19 no Estado español, coa pauta completa, a finais de agosto, logrando que 70% da poboación estea inmunizada.

Sánchez anunciou hoxe, nunha comparecencia pública após o Consello de Ministras, que 25 millóns de españois estarán vacinados contra o Covid-19 en xullo "Durante a próxima semana en España serán máis as persoas vacinadas coas dúas doses que o número de persoas que notificaron o contaxio", afirmou.

Doutra banda, o presidente do Goberno estatal afirmou que na semana do 3 de maio haberá no Estado 5 millóns de persoas vacinadas con pauta completa, na semana do 10 de xuño serán 10 millóns e a do 14 de xuño chegarase aos 15 millóns de vacinados.

Sánchez lembra a chegada da vacina de Janssen, que se utiliza cunha soa dose, e que se unirá ás de Pfizer, Moderna e  AstraZeneca, sobre as cal di "as catro vacinas son seguras".

Estado de alarma

O presidente tamén dixo que "o obxectivo é que non sexa necesario prorrogar o estado de alarma. Queremos que o 9 de maio sexa o punto final do estado de alarma". A partir de entón, dixo, que sexa o Consello Interterritorial quen tome as decisións.

O actual decreto de estado de alarma, foi aprobado polo Consello de Ministras e Ministros a 3 de novembro de 20202, unha prórroga do anterior Estado de alarma por un período de 6 meses desde as 00:00 horas de 9 de novembro de 2020 até as 00:00 horas de 9 de maio de 2021.

Astrazenca

En canto á vacina de AstraZeneca, o presidente español quixo transmitir "confianza e seguridade" nela, a pesar da investigación aberta pola Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) sobre o seu posíbel vínculo con casos trombóticos.

"As catro vacinas que temos aprobadas son seguras, sen ningunha dúbida", defendeu rotundamente o xefe do Executivo. Pola súa banda, a EMA espera esta quinta feira, 8 de abril, publicar a súa posición definitiva sobre a existencia ou non dunha relación entre a vacina de AstraZeneca e os  trombos. A pasada semana, a directora executiva da EMA, Emer Cooke, sinalou que, aínda que "non se demostrou unha relación causal coa vacina", si que "é posíbel", polo que "se están a realizar novas análises".

Sánchez recoñeceu que "é unha preocupación que teñen todos os cidadáns europeos". "Estamos moi pendentes e seguindo todas estas cuestións. Creo que é importante trasladar que todas as vacinas contan coa validación e homologación da EMA. Temos que trasladar unha mensaxe de seguranza ao conxunto da poboación española. Confianza e seguridade en que os procesos de vacinación contan con todas as garantías", remarcou.

Reclama “lealdade” ao Goberno de Madrid

Aliás, Sánchez, defendeu na rolda de prensa posterior ao Consello Ministerial a necesidade de "lealdade" e "seriedade" no que se refire á vacinación contra a Covid-19 despois de que se coñecese que a Comunidade de Madrid, gobernada por Isabel Díaz Ayuso (PP), negociou a adquisición da vacina rusa Sputnik V, aínda que evitou "polemizar".

O xefe do Executivo recalcou que a vacinación é "un proceso moi serio" e por iso exixe que todos os Gobernos, incluídos os autonómicos e tamén a nivel europeo, sexan responsábeis, serios, leais e tamén solidarios".

O presidente sostivo que "un dos principais éxitos da estratexia europea" de vacinación foi deixar en mans da Comisión Europea a negociación da compra das vacinas e a súa repartición.

"O único que pido é responsabilidade a todas as institucións, lealdade, solidariedade e seriedade cando estamos a falar da vacina", insistiu, aínda que asegurou que mantén a súa máxima de "non confrontar e non polemizar" senón de "trasladar unha mensaxe de unidade e acougo" á cidadanía.

En todo caso, e sen entrar a valorar as xestións que desde o Goberno da Comunidade de Madrid se realizaron para a adquisición da vacina rusa, Sánchez lembrou que esta aínda non foi validada pola Axencia Europea do Medicamento (EMA).

Comentarios