O Plan de recuperación da crise sanitaria vai a Bruxelas

O Consello de Ministro aproba mañá remitir a proposta á UE, que terá que ser aprobada por todos os Estados membros para que se aplique.
Pedro Sánchez no pleno do Congreso durante o debate sobre o Plan de recuperación, transformación e resiliencia. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez durante o debate sobre o Plan de recuperación, transformación e resiliencia. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

O Plan de recuperación, transformación e resiliencia que vai dirixir o investimento de 140.000 millóns de euros de fondos europeos até 2026 será aprobado mañá na xuntanza do Consello de Ministros.

O contido do Plan foi desvelado hai dúas semanas por Pedro Sánchez en rolda de prensa, antes de ser debatido no Congreso, e integra 212 medidas, das que 110 son investimentos e 102 son reformas para canalizar os recursos económicos que vai recibir o Estado español da Unión Europea (UE) para afrontar o relanzamento da economía por mor da situación derivada da Covid-19.

A luz verde do Consello de Ministros ao Plan de recuperación chega poucos días antes da fin do prazo, pois a data límite para que os Estados membros envíen á Comisión Europea a proposta é esta sexta feira, 30 de abril. Portugal converteuse a pasada quinta feira no primeiro Estado da UE en presentalo.

Fontes do Executivo español, recollidas por Europa Press, sinalan que debido á suspensión das regras fiscais en 2021 na UE, o Consello de Ministros non terá que aprobar as taxas do déficit público contidas no Plan de estabilidade, polo que as cifras se comunicarán nesta sexta feira.

A voceira do Goberno do Estado e ministra de Facenda, María Jesús Montero, afirmou hoxe que ten confianza en que a suspensión das regras fiscais se estenda tamén a 2022, para evitar políticas de recortes.

No plan que o Consello de Ministros aprobará esta terza feira enviar á Comisión Europea inclúese a reforma do sistema de pensións, do sistema fiscal, do sistema eléctrico ou da administración do Poder Xudicial.

Para o Goberno do Estado, estas medidas implicarán un aumento do 2% anual do Produto Interior Bruto (PIB) en 2021 e 2022 e a creación de 800.000 postos de traballo ao longo dos vindeiros seis anos, cun investimento que dedicará o 39% á transición enerxética, 29% á transformación dixital, 10,5% a ensino e formación e un 7% a I+D+i.

Unha vez que o investimento da Unión Europea depende de que todos os Estados do organismo o aproben, o Executivo estatal incluíu nos Orzamentos Xerais do Estado unha partida de 27.000 millóns de euros que irá destinada a pór en marcha o Plan de recuperación.

Comentarios