Sánchez estende tres meses a norma antidesafiuzamentos

Na sesión, o presidente español puxo de manifesto as medidas para protexer as persoas en situación de vulnerabilidade por desafiuzamentos, despois dos 29.406 efectuados no Estado ao longo de 2020

Pedro Sánchez conversa con Adriana Lastra durante a sesión plenaria de onte no Congreso. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez conversa con Adriana Lastra durante a sesión plenaria no Congreso. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

As medidas contra os desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade estenderanse como pouco tres meses máis desde o final do estado de alarma até o 9 de agosto, anunciou Pedro Sánchez na súa intervención esta quinta feira, 14 de abril, no pleno do Congreso.

Esta prórroga tamén afectas ás medidas para protexer as persoas que viven de alugueiro. Neste caso, os contratos que están por rematar amplíanse seis meses máis, manténdose a posibilidade de acordar unha redución temporal do alugueiro e até unha moratoria. No caso de que o arrendatario sexa un gran propietario -con máis de 10 vivendas-, ten que reducir un 50% da renda durante catro meses ou aceptar unha moratoria durante ese tempo, que será prorrateada o resto do contrato. De non ser un gran propietario un tribunal terá que decidir sobre o despexo.

A norma vixente desde o comezo da pandemia permitía que, no caso de que os servizos sociais acreditasen unha situación vulnerábel provocada pola Covid-19, se suspendese o desafiuzamento cando menos até o final do estado de alarma.

A pesar destas medidas, en 2020 leváronse a cabo 29.406 desafiuzamentos no Estado español, segundo as cifras do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Plan de recuperación

Nas súas intervencións no pleno, Sánchez defendeu o Plan de Recuperación que detallou a pasada terza feira.

O PP aproveitou a petición de varios territorios para adiar ou repensar a fin do estado de alarma para cargar contra o Goberno estatal, “basta xa de excepcionalidade constitucional e de botar a culpa ás comunidades autónomas”, argüíu.

O deputado do BNG Néstor Rego criticou a opacidade do Plan de Recuperación, “sen que a sociedade teñan información clara nin de cales son as exixencias da UE nin tampouco de cales son as propostas que o Goberno está disposto a asumir”.

A xestión dos fondos vai beneficiar as grandes empresas e baixo un envoltorio de ‘verde’ e ‘dixital’ volve ser negocio para os de sempre, sentenciou Rego.

Comentarios