Petro logra o alto ao fogo entre cinco grupos armados e o Estado de Colombia

No marco da nova rolda de diálogos coa guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN), outras catro organizacións armadas mostraron o seu interese por iniciar algún tipo de negociación co Estado colombiano, que puxo como condición inicial e xesto de boa vontade o cesamento das hostilidades.
O líder da negociación do ELN, Israel Ramírez Pineda, alias 'Pablo Beltrán', saúda o representante do Goberno colombiano, Otty Patiño (Foto: Jesús Vargas / DPA).
photo_camera O líder da negociación do ELN, Israel Ramírez Pineda, alias 'Pablo Beltrán', saúda o representante do Goberno colombiano, Otty Patiño (Foto: Jesús Vargas / dpa).

A partir do 1 de xaneiro de 2023 e até polo menos o 30 de xuño comezou en Colombia un alto ao fogo bilateral entre o Goberno e cinco grupos armados, no marco das aspiracións do presidente Gustavo Petro para alcanzar a "paz total", unha iniciativa que contrasta co estancamento dos acordos de paz de 2016 e a parálise de calquera tipo de diálogo durante o mandato de Iván Duque.

No marco da nova rolda de diálogos coa guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN), outras catro organizacións armadas mostraron o seu interese por iniciar algún tipo de negociación co Estado colombiano, que puxo como condición inicial e xesto de boa vontade o cesamento das hostilidades.

Os grupos

Así, ademais do ELN, dúas disidencias das desaparecidas FARC (Segunda Marquetalia e Estado Maior Central) e os grupos narcoparamilitares do Clan do Golfo e as Autodefensas Conquistadoras da Serra Nevada, anunciaron a finais de decembro un cesamento do fogo unilateral, ao que se sumou en Aninovo o Goberno.

"Este é un acto audaz. O cesamento do fogo bilateral obriga as organizacións armadas e ao Estado a respectalo", dixo Petro tras anunciar o cesamento das hostilidades, o cal podería prorrogarse, dixo, máis alá do 30 de xuño, segundo avancen as negociacións. "A paz total será unha realidade", confiou.

Máis de 50 anos de hostilidades

O anuncio de Petro é parte da grande aposta do seu Goberno, a de alcanzar a paz cos grupos armados que estiveron influíndo na vida política, económica, social e humanitaria de Colombia desde hai máis de medio século e que deixou máis de 260.000 mortos, decenas de miles de desaparecidos, sete millóns de desprazados, violacións, secuestros e incontábeis traxedias persoais.

A paz total de Petro quedou sancionada na chamada Lei 418, que estabelece o seu marco xurídico e co que queda como política de estado un proxecto que por unha banda busca negociar con aquelas organizacións de carácter político, como o ELN e no seu día as FARC, pero á súa vez someter outras, é o caso dos paramilitares e grupos narcotraficantes, á Xustiza colombiana.

Comentarios