Crónica desde Colombia

O acordo pola paz, o primeiro reto de Petro

"Paz e vida" son as palabras máis repetidas estes días nas múltiples conversas e reunións nas que participo en Colombia. Precisamente, lograr un "acordo pola paz e a vida” será a tarefa inmediata de Gustavo Petro como novo presidente.
O presidente de Colombia, Gustavo Petro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O candidato de Pacto Histórico, Gustavo Petro. (Foto: Nós Diario).

Poucas veces o cualificativo de “histórico” estivo tan xustificado como cando falamos dos resultados electorais en Colombia. Histórico por que a análise conxunta das eleccións lexislativas de marzo e as presidenciais de maio/xuño, pon en evidencia o declive político das elites tradicionais que dominaron as institucións por máis de douscentos anos. Histórico tamén, porque Francia Márquez, de quen se escribía na campaña electoral “no Goberno unha muller negra das de fregar escaleiras, que vergonza para Colombia”, que non hai moitos anos non tiña para comer, será vicepresidenta a partir do 7 de agosto.

Histórico porque o bloque alternativo chega ao Goberno e consegue o maior grupo parlamentario. Histórico por derrotar nas urnas os sectores económico e políticos tradicionais, cuxas estruturas partidarias comezaron a desmoronarse, fragmentarse e rearticularse na mesma noite electoral. Histórico porque a fronte ampla de organizacións políticas e sociais foi quen de sobreporse ás ameazas e ao determinismo pesimista xeneralizados por dous séculos de gobernos oligárquicos. Histórico, finalmente, polo primeiro trunfo electoral presidencial da esquerda.

Semella a presentación en sociedade dunha nova cidadanía que vira nos seus comportamentos e tendencias políticas das últimas décadas, que mantivo unha presión constante para impedir unha nova fraude electoral institucional, que foi votar nas xornadas electorais máis masivas e pacíficas dos últimos 80 anos, que viu atónita como os resultados electorais eran inmediatamente aceptados por todo o arco político. Unha cidadanía que non apareceu repentinamente senón que vén dunha fartura de catro anos de retroceso social, de empeoramento das condicións de vida, de catro anos de destrución dos Acordo de Paz.

Unha cidadanía que comezou a crer na paz, a perder o medo a comprometerse e a esixir, unha cidadanía que ateigou as rúas de desobediencia e rebeldía en 2019 e 2021 contra un Goberno retrógrado e antisocial, unha cidadanía saturada de violencia e corrupción que berra "cambio" e quere construílo.

Acordo de paz, tarefa inmediata

Unha tarefa inmediata: conseguir un “Acordo Nacional pola Paz e a Vida” sen o que non será posíbel avanzar con firmeza nos cambios estruturais que necesita Colombia, prioridade anunciada por Petro e Márquez na noite electoral presentada a modo de convocatoria explícita a todas as forzas políticas, económicas  e sociais, incluído o uribismo. Paz e Vida, as palabras máis escoitadas estes días nas múltiples conversas e reunións nas que son convidado.

A paz efectiva non será posíbel sen redefinir as prioridades, motivacións e métodos do exército e a policía, derivadas todas elas da doutrina da “seguridade interior” na que toda disidencia social é considerada parte integrante das guerrillas. Ambas as institucións levan moitos anos participando activamente na represión dos movementos sociais e no asasinato das súas lideranzas. Arredor de 6.500 persoas civís inocentes, na maioría campesiños, foron presentados polo exército como baixas infrinxidas á guerrilla en enfrontamentos armados coa finalidade de cobrar a recompensa ofrecida polo Goberno por cada “terrorista” eliminado. Son os “falsos positivos” que proliferaron nos gobernos uribistas.

Aínda neste mesmo ano, o 28 de marzo, o exército pretendeu presentar como integrantes das disidencias das FARC a nove indíxenas Kitcwhwa masacrados nunha reunión comunal. A maiores, a expansión dos grupos narcotraficantes e paramilitares dáse pola colaboración activa do exército e a policía, como veñen recoñecendo responsábeis paramilitares nas súas declaracións ante a Xurisdición Especial para a Paz. Son coñecidas as teses de Petro sobre a necesidade da profunda transformación de ambas as institucións e a forte animadversión que xeran nelas as promesas petristas de cambio. Non vai ser doado.

Tres días despois da xornada electoral e cando aínda falta mes e medio para a asunción presidencial, a campaña mediática preelectoral anunciadora do caos nos medios máis belixerantes parece non ter fin. Desde o exterior hai quen axuda: poucas horas despois do trunfo do Pacto Histórico, o gobernador de Florida (EUA), destacado membro do Partido Republicano, confesaba sentirse “preocupado e decepcionado” pola elección dun “ex narcoterrorista marxista” como presidente, alertando da ameaza crecente derivada da viraxe de varios países da rexión cara á “ideoloxía totalitaria de esquerda”.

O Goberno non ten maioría absoluta nin no Senado nin na Cámara de Representantes (Congreso). Conscientes desta situación, o mesmo luns comezaron as conversas para conseguir as maiorías necesarias. Parece moi posíbel conseguilo en temas centrais como a implantación completa do Acordo de Paz dado que hai grupos parlamentarios liberais e conservadores que están a favor. Moito máis difícil será encontrar apoios para a reforma fiscal, a cuestión agraria ou a política ambiental.

A caída dos valores bolsísticos das empresas con investimentos en Colombia e do valor da divisa, ao igual que a saída de capitais especulativos foron en conxunto pouco significativos, lonxe da paisaxe catastrofista debuxada polo poder mediático. A moderada baixada dos indicadores máis básicos do capitalismo especulativo pode que teña que ver tamén coa menor contundencia verbal das propostas escoitadas nas últimas semanas de campaña e coas palabras claramente dirixidas aos sectores empresariais e financeiros, no primeiro discurso postelectoral de Petro no que dixo “imos desenvolver o capitalismo, non porque o adoremos, senón porque temos primeiro que superar a premodernidade en Colombia, o feudalismo en Colombia, os novos escravismos e a nova escravitude”.

Non foi a parte máis aplaudida, mesmo se ouviron asubíos, certo, máis é indubidábel que camiñando Colombia cos ollos abertos moitas características tipicamente feudais están á vista de quen as queira ver.

Relacións cos EUA

Non obviou Petro no seu discurso as relacións cos Estados Unidos. A Colombia ténselle denominado o “portaavións estadounidense” en Latinoamérica pola presenza de numerosas bases e instalacións militares, pola influencia na política interior colombiana e pola súa posición xeoestratéxica no continente incrementada recentemente desde que EUA recoñeceu Colombia como “aliado preferencial estratéxico non membro da OTAN”. Tampouco é menor a problemática derivada do Tratado de Libre Comercio entre ambos os países, que arrasou coa agricultura colombiana até o extremo de que hoxe Colombia importa xa 40% dos alimentos que consume.

O Goberno entrante será de expectativas moi altas porque moi altas son as esixencias e necesidades. Un Goberno que terá que tomar decisións valentes moi cedo para manter viva a esperanza do "cambio". Un Goberno que vai precisar de moito apoio na rúa para mover os cimentos da corrupción, clientelismo e burocracia xeradora da pobreza e miseria que asolan este país para beneficio dunha exigua minoría.

Moncho G. Boán. Observador internacional nas eleccións de Colombia.

Comentarios