Quinto aniversario dos acordos de paz en Colombia e da desmobilización das FARC

O pacto entre o Estado e as FARC-EP impulsou, entre outras medidas, unha reforma agraria integral no interior de Colombia. A pesar dalgúns éxitos á hora de implementar os acordos, desde a sinatura foron asasinados 1.269 líderes sociais e defensores dos dereitos humanos.

Juan Manuel Santos, presidente naquela altura de Colombia, e Rodrigo Londoño, líder das FARC, após asinar os acordos de paz. (Foto: Presidencia do Salvador)
photo_camera Juan Manuel Santos, presidente naquela altura de Colombia, e Rodrigo Londoño, líder das FARC, após asinar os acordos de paz. (Foto: Presidencia do Salvador)

Conferencias, actos conmemorativos, celebracións e até unha gran feira con produtos producidos polas cooperativas de ex combatentes das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Pobo (FARC-EP) en Bogotá, renden homenaxe aos acordos de paz asinados hai cinco anos co Estado colombiano, daquela gobernado por Juan Manuel Santos.

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, chegou a última hora desta segunda feira a Colombia para acompañar a conmemoración da data, “nun mundo no que desafortunadamente vemos tantos conflitos é moi importante visitar un país no que se constrúe a paz”, defendeu.

Durante a súa visita, ademais de participar en diversos actos, xuntouse co presidente Iván Duque e máis con Rodrigo Londoño, antigo líder das FARC e presidente do Partido Comúns, que, até este ano, denominábase Forza Alternativa Revolucionaria do Común.

Tras catro anos de negociación na Habana (Cuba), os acordos asináronse o 24 de novembro de 2016, após un plebiscito no que se impuxo o “non” cun 0,4% máis que o “si” -cunha participación do 37% do censo- por mor da campaña dirixida polo ex presidente Álvaro Uribe apoiado nas igrexas evanxélicas, que criticaban a “identidade de xénero” dun texto no que se garantían os dereitos das mulleres e das persoas LGBTI+.

Reforma rural integral

O acordo entre o Estado e as FARC compúñase de seis puntos. O primeiro estivo dedicado á reforma rural integral, unha das grandes reivindicacións da guerrilla. No pacto, o Executivo comprometeuse a entregar 10 millóns de hectáreas ás comunidades, 3 de xeito gratuíto e 7 por medio de cesións dun Fondo de terras.

Tamén se abordou a participación política, para evitar que se repetira a situación de Unión Patriótica, o partido impulsado polas FARC na década de 1980 e que, coa participación do Estado, sufriu o asasinato de 3.500 militantes, incluídos dous candidatos presidenciais.

Así como a retirada das armas e a reintegración á vida civil de 13.000 combatentes, asinouse  loitar contra o narcotráfico con axudas para que as e os labregos pasen a unha actividade legal. Os últimos puntos refírense á implementación e verificación do proceso e á reparación ás vítimas, para o que se creou un órgano paralelo ao sistema de Xustiza, a Xurisdición Especial para a Paz.

Porén, a posta en práctica destes acordos non está exenta de obstáculos, en primeiro lugar, o presidente Duque, de Centro Democrático, o mesmo partido do ex mandatario Uribe, que ademais de defender a solución militar para rematar co conflito foi investigado por ofrecer beneficios a paramilitares para declarar que el non tivera relación coas Autodefensas, a bandas financiada por narcotraficantes e latifundistas para combater as FARC.

1.269 asasinatos

Ao tempo, a desmobilización da guerrilla unida á falta de presenza do Estado permitiu que organizacións herdeiras das Autodefensas se fixeran con parte do territorio, utilizando a violencia para garantir os beneficios do narcotráfico. Desde a sinatura do acordo de paz, foron asasinados 1.269 líderes sociais e defensores dos dereitos humanos.

Os proxectos cooperativos inundan o rural colombiano

A volta á vida civil das e dos combatentes das FARC implicou a creación de centos de empresas cooperativas nas zonas menos desenvoltas de Colombia: compañías para transformar a froita, carpintarías, gandaría sostíbel ou proxectos ecoturísticos.

Unha das primeiras en aparecer foi Ecomún, xestionada por 37 persoas desmobilizadas, que produce café, tecidos e peixe a través dunha piscifactoría.

Comentarios