O Partido Republicano lanza o xuízo político contra o presidente Biden

Acusan o mandatario de "abuso de poder, obstrución e corrupción".
Kevin McCarthy e Joe Biden. (Foto: Europa Press / Contacto / Yuri Gripas - Pool via CNP)
photo_camera Kevin McCarthy e Joe Biden. (Foto: Europa Press / Contacto / Yuri Gripas - Pool via CNP)

“Estou ordenando aos nosos comités da Cámara de Representantes que abran unha investigación formal de xuízo político contra o presidente [dos Estados Unidos] Joe Biden”, anunciou a terza feira o presidente da Cámara Baixa, o republicano Kevin McCarthy.

Este é o primeiro paso cara a un xuízo político no lexislativo, que no pasado mandato, con Donald Trump á cabeza dos Estados Unidos e control do Partido Demócrata do órgano, desenvolveu dous xuízos contra o ex presidente, absolto finalmente no Senado.

Os republicanos, especialmente o sector máis próximo a Trump, que chegou a ameazar con bloquear os traballos lexislativos até que McCarthy aprobase a investigación para o xuízo político, inculparon en distintas ocasións o actual mandatario por beneficiarse da presenza en empresas estranxeiras do seu fillo, Hunter Biden.

Vínculos con Ucraína

Hunter desempeñouse entre 2014 e 2019 como membro da dirección da principal empresa privada ucraína de gas natural, Burisma, e chegou a admitir que “creo que viron o meu nome como ouro”.

As investigacións para o xuízo político, que abarcan desde 2009 a 2017, cando Biden era vicepresidente durante as lexislaturas de Barack Obama á fronte no país, analizarán “acusacións de abuso de poder, obstrución e corrupción”, precisou McCarthy.

Subornos

Nese sentido, o presidente do Comité de Supervisión e Responsabilidade da Cámara Baixa, James Comer, revelou que a Axencia Federal de Investigación (FBI) estaba a investigar o presidente por repartirse co seu fillo máis de nove millón de euros nun suposto suborno de Burisma para que Biden premese o Goberno de Kíiv e frease as investigacións xudiciais  contra a empresa.

Comentarios