O xornalista de Euskal Herria Pablo González fai un ano detido e sen xuízo en Polonia

Pablo González foi acusado de espionaxe -aínda non oficialmente- por Polonia, un Estado onde o Executivo de extrema dereita intensificou a persecución contra os profesionais que considera pro rusos desde o comezo da invasión a Ucraína. Amais, Varsovia recoñece que enviou armas a Kíiv antes desa data.
O xornalista vasco Pablo González. (Foto: Reporteiros Sen Fronteiras)
photo_camera O xornalista vasco Pablo González. (Foto: Reporteiros Sen Fronteiras)

Na madrugada do 27 ao 28 de febreiro de 2022, Polonia detiña o xornalista vasco Pablo González acusándoo de ser un “axente da Dirección Principal de Intelixencia do Estado Maior ruso”. Un ano despois, continúa preso tras sucesivas prórrogas da súa detención provisoria sen que o proceso xudicial avanzara o máis mínimo, se lle imputara de maneira formal ningún delito ou Varsovia presentara algunha proba que xustificara o arresto.

O seu avogado, Gonzalo Boye, sinala que até onde saben -Polonia ofreceu unha información limitada á representación legal de González- a acusación está baseada no que a Fiscalía interpreta que é a súa posición ideolóxica, ser pro ruso, mais non o imputan por conseguir información determinada ou fotografar zonas restrinxidas. Amais, sostén que o caso está influenciado polo Goberno polaco de extrema dereita.

As acusacións contra xornalistas e persoas de outros sectores profesionais por pro rusas son habituais no Estado membro da Unión Europea. Nese sentido, o Comité para a Protección de Xornalistas denunciara o acoso aos reporteiros por parte da Policía polaca, algo que se intensificou desde a invasión rusa en Ucraína.

Amnistía Internacional e Reporteiros Sen Fronteiras pediron a súa liberación antes do xuízo e reiteraron as denuncias polas súas condicións en prisión após ser catalogado como “preso perigoso”, que inclúen múltiples rexistros diarios, réxime de illamento e até negación de atención médica.

Ao tempo, negóuselle a posibilidade de ver durante nove meses a súa familia, algo que a primeira entidade define como “trato inhumano”. O xornalista Nacho Calle  insistiu en que a pesar desta situación o Executivo español “non está a facer nada”.

Guerra en Ucraína

No que atinxe á guerra en Ucraína, Mariusz Blaszczak, titular de Defensa polaco, destacou que os envíos de armamento ás Forzas Armadas ucraínas comezaron “incluso antes” do inicio da invasión rusa.

Ademais, o voceiro do Executivo alemán, Wolfgang Büchner, negou a versión ofrecida polos Estados Unidos de que Berlín exixiu que Washington enviara os seus tanques para facer o mesmo, afirmando que as conversas foron "boas e construtivas". Entrementres, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, defendeu que a invasión xerou a “maior violación dos dereitos humanos na actualidade”.

Comentarios