Polonia pide dez anos de prisión para Pablo González, acusado de ser un axente da Intelixencia rusa

"O detido estaba a obter información que, de ser utilizada polos servizos especiais rusos, podería ter desencadeado un impacto negativo directo na seguridade exterior e interior de Polonia", sinala o Goberno polaco, a respecto do xornalista vasco. 
O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).
photo_camera O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia (Foto: @PabVis).

O pasado 28 de febreiro o xornalista vasco Pablo González foi detido por axentes da Axencia de Seguridade Interior de Polonia na localidade de Przemysl, na fronteira con Ucraína, onde se atopaba cubrindo o conflito.

Esta sexta feira, segundo recolle a axencia EFE, González está en prisión provisional acusado de espionaxe. "O home foi identificado como un axente da Dirección Principal de Intelixencia do Estado Maior Xeral da Federación Rusa", afirmou esta sexta feira o portavoz do Goberno polaco, Stanislaw Zaryn.

Nun comunicado, engade que o xornalista "realizou actividades para Rusia mentres aproveitaba o seu status xornalístico", o que lle tería permitido "moverse libremente por Europa e outros países do mundo, incluíndo zonas afectadas por conflitos armados e áreas de tensión política".

"O detido estaba a obter información que, de ser utilizada polos servizos especiais rusos, podería ter desencadeado un impacto negativo directo na seguridade exterior e interior de Polonia", prosegue o escrito do Goberno.

Antes da súa detención, afirma, "tiña pensado ir a Ucraína para continuar a súa actividade".

As autoridades polacas aseguran que "se conseguiron numerosas probas, que agora se someten a unha análise detallada".

O delito de espionaxe que se lle imputa prevé unha pena de até dez anos de prisión. "Con base na decisión do tribunal, foi detido temporalmente durante tres meses", remata o comunicado gobernamental.

Comentarios