As protestas continúan no Perú un día despois dunha xornada que deixou 17 mortes

Segundo o último reporte da Superintendencia de Transporte Terrestre de Persoas, Carga e Mercadorías (SUTRAN), na mañá desta terza feira amenceron bloqueados 45 puntos de estradas en seis rexións do país, afectando 10 vías nacionais.
A presenza policial incrementouse no Perú (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa).
photo_camera A presenza policial incrementouse no Perú (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa).

Continúan as protestas no Perú, após a sanguenta xornada que se viviu a pasada segunda feira en Puno, no sur do país.

Segundo o último reporte da Superintendencia de Transporte Terrestre de Persoas, Carga e Mercadorías (SUTRAN), na mañá desta terza feira amenceron bloqueados 45 puntos de estradas en seis rexións do país, afectando 10 vías nacionais.

De feito, aínda que o centro das mobilizacións está nesa rexión, tamén hai rexistros de feitos similares no sur do país en Cusco, Arequipa, Apurímac e Madre de Dios; así como tamén ao norte, no Amazonas.

En Cusco o transporte foi suspendido e a actividades comercial restrinxida. Os cidadáns das provincias de Canchis e La Convención foron cara á capital para se mobilizaren.

O Goberno Rexional de Cusco declarou duelo na rexión en solidariedade con Puno, tras os tráxicos sucesos da segunda feira.

Unha xornada sanguenta

Na segunda feira a represión policial contra os manifestantes nas inmediación do aeroporto foi tal que se rexistraron 17 falecidos, segundo confirmou a Defensoría do Pobo.

Aliás, o director da Dirección Rexional De Saúde (DIRESA), Ismael Cornejo, afirmou que a poboación denunciou o sobrevoo de helicópteros a baixa altura, desde os cales as forzas de seguridade lazaban gases lacrimóxenos e disparaban aos manifestantes.

Desta maneira, desde que se iniciaron as protestas no mes de decembro, hai contabilizados 45 falecidos máis 28 que xa foran confirmados anteriormente.

Alén das mortes por eses disturbios, a Defensoría reportou un falecemento por "feitos vinculados ao bloqueo de vías" no distrito de Chucuito, tamén en Puno.

Trátase dun bebé de 35 semanas, que morreu nunha ambulancia que o trasladaba ao hospital rexional.

O Goberno Rexional de Puno decretou tres días de loito, a partir desta terza feira, en todo o departamento por estas mortes.

Comentarios