Dina Boluarte será investigada após as 17 mortes nun masacre no Perú

A fiscal Patricia Benavides, que trasladou a apertura da nova investigación, agregou que contra Boluarte xa existe outro proceso indagatorio de "delixencias preliminares" sobre os feitos violentos ocorridos en decembro pasado.
O loito e as protestas mesturáronse na xornada desta terza feira no Perú (Foto: Wilson Chilo / Wayka).
photo_camera O loito e as protestas mesturáronse na xornada desta terza feira no Perú (Foto: Wilson Chilo / Wayka).

A Fiscalía do Perú abriu esta terza feira unha segunda investigación contra a presidenta Dina Boluarte polo masacre da segunda feira en Juliaca, departamento de Puno, ao sueste do país, onde faleceron 17 persoas no medio das protestas contra o Goberno e a represión da forza pública.

A fiscal Patricia Benavides, que trasladou a apertura da nova investigación, agregou que contra Boluarte xa existe outro proceso indagatorio de "delixencias preliminares" sobre os feitos violentos ocorridos en decembro pasado.

Neste contexto, o presidente do Congreso, José Williams Zapata, decidiu suspender a sesión do lexislativo de onte, despois de que un grupo de parlamentarios chamaran "asasinos" a gritos ás persoas integrantes do Gabinete de Goberno do Perú, que afrontaban un voto de confianza nesa mesma sesión plenaria.

Ademais, esta terza continuaron as protestas. As persoas manifestantes exixiron o fechamento do Congreso, a renuncia da presidenta, Dina Boluarte, o adianto das eleccións, a liberación do deposto mandatario Pedro Castillo e a posta en marcha dunha asemblea constituínte.

O director da Dirección Rexional de Saúde (Diresa) en Puno, Ismael Cornejo, detallou que unha das persoas falecidas morreu por unha ferida de bala na cabeza e outra no pulmón. Ademais, sinalou que a poboación denunciou o sobrevoo de helicópteros a baixa altura, desde onde presuntamente as forzas de seguridade terían lanzado gases lacrimóxenos e disparado ás persoas manifestantes.

O Goberno Rexional de Puno decretou tres días de loito, a partir desta terza feira, en todo o departamento. Con este falecementos, ascende a 45 o número de persoas mortas desde que iniciaron as protestas o pasado decembro.

Anteriormente, mais despois de coñecer as primeiras mortes confirmadas, a presidenta peruana referiuse ás manifestacións asegurando non entender os motivos das mesmas. "En protesta de que? Non se está entendendo claro que están a pedir. É un pretexto para seguir xerando caos nas cidades", afirmou a líder do Executivo peruano.

"Xa lles expliquei que os catro puntos políticos -que solicitan as persoas manifestantes- non están nas miñas mans; o único que estaba na miña man era o adianto de eleccións e xa o propuxemos. En paz e orde todo se pode lograr, en metade da violencia e o caos complícase máis, faise difícil", acrecentou a presidenta do Perú.

Comentarios