Forzas progresistas denuncian a presidenta do Perú pola represión

Mobilizacións, paros e feches de estrada seguen despois de 28 mortes.
A presidenta do Perú, Dina Boluarte. (Foto: Goberno do Perú)
photo_camera A presidenta do Perú, Dina Boluarte. (Foto: Goberno do Perú)

A presenza da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) no Perú, despois de negarse a atender nun primeiro momento as solicitudes de Colombia para que garantise a protección do ex presidente Pedro Castillo e avalar a súa destitución polo Congreso, están a provocar que afloren novas denuncias e información sobre a represión emprendida pola mandataria, Dina Boluarte, a mans do Exército e da Policía, que provocou a morte de 28 persoas, cinco delas menores de idade.

Os testemuños de torturas e persoas asasinadas incluso sen estar participando nas mobilizacións para exixir a liberación de Castillo -que solicitou unha entrevista coa Comisión-, a renuncia de Boluarte, eleccións inmediatas e un proceso constituínte, levaron a unha reacción das forzas políticas progresistas.

Onte fíxose público que a congresista Margot Palacios, de Perú Libre, demandou perante a CIDH a Boluarte e varios integrantes do seu Gabinete, como o ex ministro de Defensa e actual primeiro ministro, Alberto Otárola, por executar un xenocidio "nun contexto de violación de dereitos humanos" no Perú, dirixido contra as clases populares ás que pertencían as vítimas.

Á vez, acusou a Fiscalía Xeral e as autoridades xudiciais -controladas polos conservadores- de conivencia coa represión ao frear calquera intento de investigar estes asasinatos.

Entrementres, Xuntos polo Perú presentará unha denuncia constitucional contra Boluarte, apuntando que as múltiples violacións aos dereitos humanos constitúen "unha infracción constitucional".

Ambas as dúas formación tratan de impulsar un proceso constituínte como reclama a poboación, porén, a Xustiza peruana considera esta opción ilegal e o Congreso vetouna.

Comentarios