A ONU informa de 525 crianzas mortas en Ucraína desde a invasión rusa

Máis de 40 líderes de Europa xúntanse en Moldova no foro da Comunidade Política Europea.
Danos por un drone en Kíiv. (Foto: Sergei Chuzavkov / Sopa Images Via / DPA)
photo_camera Danos por un drone en Kíiv. (Foto: Sergei Chuzavkov / Sopa Images Via / DPA)

A Oficina de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos trasladou a quinta feira que no mínimo 525 nenas e nenos faleceron en Ucraína desde a invasión rusa, ao que hai que engadir 1.047 crianzas feridas. Boa parte dos decesos producíronse nos territorios en disputa no leste.

O organismo internacional detallou que a meirande parte das mortes foron desencadeadas por ataques aéreos de mísiles e proxectís, e indica que, incluíndo as crianzas, aproximadamente 9.000 civís perderon a vida na guerra nos últimos 15 meses.

Durante a madrugada tres persoas, entre elas unha crianza, morreron en Kíiv, a capital ucraína, após a caída de restos dun mísil interceptado polas defensas aéreas ucraínas, que segundo o Ministerio de Defensa acabaron con todos os artefactos rusos. Mentres, na rexión rusa de Belgorod dez persoas foron feridas nun ataque de artillaría dos militares ucraínos, informaron as autoridades rusas, que comunicaron que abortaron un ataque ucraíno cara á localidade de Shebekino.

Amais, un día despois de que a presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), Ursula von der Leyen, salientara a súa oposición a un alto o fogo en Ucraína, o presidente do país, Volodimir Zelenski, desprazouse a Moldova, onde reclamou a doazón de máis armamento ao Exército do país na xuntanza da Comunidade Política Europea, un foro que contou coa presenza de máis de 40 mandatarias e mandatarios do continente.

Aínda que non había unha axenda e non estaba previsto que se asinara ningún acordo, os medios internacionais apuntan que a guerra centrou unha parte salientábel do encontro, no que participaron varios países que se consideran neutrais no conflito e se negaron a impor as sancións coercitivas a Rusia que reclama Bruxelas e Washington, a pesar de que para a presidenta moldova, a pro UE Maia Sandu, implicaba unha declaración simbólica contra Rusia e de apoio a Ucraína. O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, suspendeu a súa presenza á última hora.

A resposta rusa chegou de parte do director do Servizo Federal de Seguridade, Alexander Bortnikov, que sinalou que “Occidente está empurrando activamente Moldova para que participe no conflito ucraíno” ao fixar Chisinau como sede do foro no marco do conflito interno polas diverxencias polo achegamento a Bruxelas.

Escalada na guerra

Asemade, o Comité Internacional de Rescate subliñou que as organizacións humanitarias están preocupadas de que “a escalada de hostilidades que se aveciña cause aínda máis danos á poboación civil”.

Comentarios