O deporte máis inclusivo toma as rúas de Pontevedra

Chega a IV Xornada Multideporte Adaptado.
Paulo Fontán e Anabel Gulías. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Paulo Fontán e Anabel Gulías. (Foto: Concello de Pontevedra).

Sensibilizar, visibilizar, incluír e gozar. Son os vimbios que tecen a IV Xornada Multideporte Adaptado que se levará a cabo esta sexta feira, 10 de maio, na avenida Montero Ríos da Boa Vila en horario de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas.

Organizada pola Asociación de persoas con Discapacidade da Comarca de Pontevedra-Amizade, a cita conta co apoio do Concello local, como salientaron onte durante a súa presentación tanto a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, como o presidente da Asociación Amizade, Paulo Fontán.

Durante a súa quenda de palabra, a edil fixo un chamamento á participación, poñendo o foco na "importancia de contribuír ao fomento e a visibilización do deporte adaptado máis alá do tempo dos Xogos Paralímpicos".

Con respecto ao programa, as persoas que se acheguen até Montero Rios poderán probar deportes adaptados como baloncesto, tenis de mesa, bádminton, boccia, slálom, bolos, voleibol… unha escolma que, apuntan desde o Concello de Pontevedra, "dará a coñecer o seu material e as estratexias de xogo que axudan a normalizar a vida -neste caso a actividade deportiva- das persoas con discapacidade e, ao mesmo tempo, concienciará sobre as dificultades no seu día a día".

Comentarios