A traxedia que non cesa: en 19 días foron asasinadas en Gaza 7.028 persoas, as mesmas que nos 19 anos anteriores

Desde o 7 de outubro están a morrer en Gaza 370 persoas cada día. Ou, o que é o mesmo, 15 mortos cada hora. Un cada catro minutos. Do total de vítimas mortais dos últimos 19 días, 2.913 serían crianzas.
Morgue improvisada no hospital de Shifa, en Gaza, após os últimos bombardeos israelitas. (Foto: Saeed Jaras / Zuma Press)
photo_camera Morgue improvisada no hospital de Shifa, en Gaza, após os últimos bombardeos israelitas. (Foto: Saeed Jaras / Zuma Press)

Entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 31 de decembro de 2022, en 19 anos completos —un total de 7.304 días— foron asasinados dentro da Faixa de Gaza 7.080 palestinos e palestinas, segundo os datos verificados polo observatorio B'Tselem. Unha cifra practicamente idéntica a que se rexistrou nos últimos 19 días, como consecuencia dos permanentes ataques do Exército de Israel no marco da inédita ofensiva que iniciou o 7 de outubro en resposta aos atentados de Hamás —que deixaron unhas 1.400 mortes do lado israelita—, o número de vítimas mortais elévase a 7.028 —con base nos últimos rexistros das autoridades palestinas na Faixa—.

En só 19 días morreron as mesmas persoas que en 19 anos. Se entre 2003 e 2022 o balance de falecidos era de aproximadamente unha persoa cada día en Gaza, nestas últimas tres semanas o dato é de 370 falecidos por día. Ou, o que é o mesmo, 15 mortos cada hora. Un cada catro minutos. Do total de vítimas mortais dos últimos 19 días, 2.913 serían crianzas, segundo informa o xornal palestino Filastín.

E ás 7.028 persoas asasinadas en Gaza hai que sumar o cento de vítimas en Cisxordania neste mesmo período. E, engadindo as mortes de palestinos rexistradas entre o 1 de xaneiro deste ano e o 6 de outubro, o día antes de que se iniciase a ofensiva, pois a violencia non é novidade nas terras de Palestina, no que vai de 2023 as vítimas ascenden a 7.358, unha cifra inédita nas últimas décadas.

Aliás, os últimos informes da ONU recollen máis de 613.000 desprazamentos forzosos como consecuencia do aviso de evacuación que deu Israel á poboación do norte da Faixa, ante unha inminente invasión por terra. Isto provocou que os refuxios acollan nestes momentos até 12 veces máis persoas das que deberían. Máis de medio cento de hospitais e centros de saúde sufriron ataques das tropas hebreas e tamén 41 instalacións da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), nas que morreron 38 traballadores de Nacións Unidas.

"Dicimos aos que ven rodeados por todo o sangue de mulleres e nenos de entre o noso pobo e que non teñen máis opción que cuestionar a validez das cifras: basta de insolencia", censurou esta quinta feira un portavoz do Ministerio de Sanidade de Gaza, Ashraf Al-Qidra. "Sería mellor que desen un paso cara á verdade, xulgasen os responsábeis deste holocausto e estes masacres e deixasen de apoialas", engadiu. As súas palabras chegan en resposta ás declaracións do presidente dos EUA, Joe Biden, afirmando que non "confía" nas cifras ofrecidas polos palestinos: "Non sei se din a verdade sobre cantas persoas morreron".

Tamén desde o Goberno da Autoridade Palestina denunciaron os últimos e cruentos ataques: "A Franxa de Gaza está a ser sometida por vixésimo día consecutivo aos masacres máis horrendos [...] As forzas de ocupación continúan intensificando as súas incursións e pechando Cisxordania, converténdoa nunha gran prisión", denunciou o Ministerio de Exteriores, nun comunicado que recolle a axencia de noticias WAFA.

O pobo palestino, continúa o texto, "segue sendo vítima da ocupación e o colonialismo", así como do "fracaso internacional" á hora de protexer á poboación civil, o que reflicte "unha dobre moral internacional" que fai que as institucións lexítimas internacionais "perdan a súa dignidade".

Comentarios