DOCUMENTO | Palestina pon nome aos milleiros de mortos após dicir Biden que non tiña "ningunha confianza" nas cifras

O Ministerio de Sanidade de Palestina publica hoxe un extenso informe no que detalla a identidade de todas as vítimas mortais até a cuarta feira e que podes consultar aquí.
O presidente dos EUA, Joe Biden, na reunión que mantivo co primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, o pasado 18 de outubro en Tel Aviv. (Foto: Avi Ohayon / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, na reunión que mantivo co primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, o pasado 18 de outubro en Tel Aviv. (Foto: Avi Ohayon / Europa Press / Contacto)

"Estou seguro de que morreron inocentes, é o prezo de librar unha guerra [...] Pero non teño ningunha confianza nas cifras que os palestinos están a dar". As frías palabras coas que o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, puxo esta cuarta feira en tela de xuízo os centos de mortes que cada día notifican as autoridades palestinas como consecuencia dos permanentes bombardeos israelitas sobre a Faixa de Gaza veñen de ser respondidas polo propio Ministerio de Sanidade de Palestina, que hoxe publica un extenso informe no que detalla a identidade das 6.747 vítimas que se rexistraran até a cuarta feira —nestes momentos serían xa 7.028—. O mesmo documento fala de 2.665 crianzas falecidas, unha cifra que coincide coas estimacións da ONU e a oenegué Save The Children.

Biden, que o pasado 18 de outubro trasladou desde Tel Aviv o seu apoio ao Goberno de Benjamin Netanyahu, precisou que as tropas israelitas "deberían ter moito coidado para asegurarse de centrarse en perseguir as persoas que están a propagar esta guerra contra Israel", mais subliñou nas súas declaracións, nunha rolda de prensa que ofreceu canda o primeiro ministro de Australia, Anthony Albanese, que non ten "confianza" en que os palestinos "estean a dicir a verdade".

O presidente non foi a única autoridade do país, o principal aliado de Israel, que dubidou das cifras. Previamente, o portavoz do Consello de Seguridade dos EUA, John Kirby, e a portavoz da Casa Branca, Karine Jean-Pierre, afirmaran que calquera información procedente do Ministerio de Saúde de Gaza debería ser tratada "con escepticismo".

Con todo, as súas reservas contrastan coas cifras que seguen a achegar día tras día entidades adscritas a Nacións Unidas como a UNRWA, Unicef —que denunciou na véspera das declaracións de Biden que máis de 400 crianzas palestinas morren ou resultan feridas cada día polos ataques aéreos do Exército de Israel— ou diferentes oenegués despregadas en Gaza —como a Media Lúa Vermella—.

A Faixa é, de feito, un territorio ao que Israel segue impedindo o acceso á prensa internacional. E xustamente esta cuarta feira diferentes xornalistas e agrupacións de medios de todo o Estado español impulsaron o manifesto Dereito a informar, que busca rachar o bloqueo e suma xa máis de 740 sinaturas de profesionais da comunicación.

Comentarios