Israel ataca Gaza durante a noite e sen previo aviso deixando máis dunha vintena de mortes de civís

A cidade de Gaza, no centro, foi bombardeada na madrugada desta sexta feira pola aviación israelí sen previo aviso contra unha casa de catro plantas, causando a morte de polo menos dez civís.
Vista xeral de Gaza após ataques israelís (Foto: Mohammed Abu Elsebah / dpa).
photo_camera Vista xeral de Gaza após ataques israelís (Foto: Mohammed Abu Elsebah / dpa).

Más dunha vintena de palestinos faleceron durante a noite desta sexta feira por novos bombardeos do Exército de Israel contra a Faixa de Gaza, que se atopa asediada desde o pasado 7 de outubro.

En Jan Yunis, ao sur do enclave, os ataques saldáronse con polo menos doce persoas mortas, segundo un balance do Ministerio de Interior palestino; entre os falecidos atópanse o xornalista palestino Yaser Abu Namus, segundo publicou a axencia de noticias palestina Wafa.

Coa morte deste xornalista xa van perto de 30 os profesionais asasinados por Israel desde o 7 de outubro.

A cidade de Gaza, no centro, foi bombardeada pola aviación israelí sen previo aviso contra unha casa de catro plantas, causando a morte de polo menos dez civís.

7.028 mortes

O Ministerio de Sanidade precisou que até o de agora se confirmaron 7.028 mortos, entre eles 2.913 nenos, mentres que perto de 18.500 palestinos resultaron feridos polos ataques aéreos. Porén, estes son datos aínda sen actualizar polo que o número de falecidos é, en realidade, maior.

A isto súmanse máis de cen mortos en Cisxordania por mor das operacións levadas a cabo polo Exército de Israel e os ataques de colonos, que deixaron perto de 1.400 mortos e máis de 220 secuestrados en territorio israelí.

Comentarios