A ONU chama a dialogar para evitar un accidente nuclear en Zaporiyia

"Debemos facer todo o posíbel para evitar un accidente nuclear que agregue aínda máis traxedia ao sufrimento" dixo Rafael Grossi.
O director xeral do Organismo Internacional para a Enerxía Atómica, Rafel Grossi (Foto: Mark J. Sullivan / ZUMA Press Wire / DPA).
photo_camera O director xeral do Organismo Internacional para a Enerxía Atómica, Rafel Grossi (Foto: Mark J. Sullivan / ZUMA Press Wire / DPA).

O director xeral do Organismo Internacional para a Enerxía Atómica (OIEA), entidade pertencente á Organización das Nacións Unidas (ONU), Rafael Grossi, mostrouse disposto a "continuar as consultas" con Ucraína e Rusia para lograr garantir a seguridade na central nuclear de Zaporiyia e "evitar un accidente nuclear" debido aos combates na zona.

"Debemos facer todo o posíbel para evitar un accidente nuclear que agregue aínda máis traxedia ao sufrimento. Temos que actuar. Se algo pasa aquí, non poderemos culpar un desastre natural, senón que teremos que recoñecer a nosa propia inacción", dixo, antes de reiterar o seu chamamento a favor da creación dunha zona de seguridade ao redor da central, a máis grande de Europa.

Así, confirmou o inicio de "conversacións detalladas" con Kíiv e Moscova para lograr un acordo sobre esta zona e resaltou que "sabemos o que é necesario facer". "É posíbel. Estou disposto a continuar as consultas esta semana con ambos os países para que podamos protexer esta planta", explicou.

"Situación sen precedentes"

Grossi manifestou que "desde o primeiro día, o OIEA mantivo informado o mundo sobre a situación sen precedentes" no país e lembrou que até a data viaxaron ao lugar do conflito catro misións do organismo.

"O OIEA ten presenza permanente no lugar", indicou Grossi respecto á situación en Zaporiyia, á vez que dixo que isto permite ao organismo "interactuar directamente con Ucraína para ver a situación de primeira man e valorar e axudar a encontrar vías para estabilizala". A central de Zaporiyia é a máis grande de Europa e ten até seis reactores nucleares.

O programa nuclear de Irán

Grossi tamén se pronunciou esta segunda feira sobre o programa nuclear de Irán. "A OIEA segue disposta a retomar os contactos con Irán sen atrasos para resolver estes asuntos. Temos que atopar solucións comúns aos problemas, xa que non van desaparecer se non os solucionamos de forma colaborativa", indicou.

Grossi indicou ademais que o organismo "fixo esforzos para interactuar co Irán para resolver os asuntos pendentes relativos á presenza de partículas de uranio de orixe antropoxénico en tres instalacións non declaradas". "Desde xuño, Irán non interactuou coa axencia, polo que estes problemas non foron resoltos e non podemos dar garantías de que o programa iraniano sexa exclusivamente pacífico", dixo.

Comentarios