Rusia e Irán pactan unha alianza enerxética que suma 30% do gas natural do mundo

Moscova procura ampliar a cooperación comercial con Teherán.
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, reuniuse onte en Teherán co presidente de Irán, Ebrahim Raisi. (Foto: Iranian Presidency / dpa)
photo_camera O presidente de Rusia, Vladimir Putin, reuniuse onte en Teherán co presidente de Irán, Ebrahim Raisi. (Foto: Iranian Presidency / dpa)

Pouco antes do serán de onte, Vladimir Putin, presidente de Rusia, aterrou en Teherán, a capital iraniana, poucos días despois da xira de Joe Biden, mandatario dos Estados Unidos, por Palestina, Israel e Arabia Saudita. Nestes dous últimos países, os principais compromisos xiraron arredor da súa inimizade con Irán, que perciben como o primeiro rival en Asia Occidental.

Así como reunirse co presidente Ebrahim Raisi e mais co denominado “líder supremo”, o aiatolá Alí Jameneí, na axenda de Putin estaba unha xuntanza co seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan, antes da reunión trilateral no marco do formato de Astana  (capital de Kazhakhstán, actualmente chamada Nur-Sultán), que aborda a situación en Siria.

Malia que se trataron distintos temas, para Moscova un dos máis importantes era o incremento de lazos comerciais con Irán nunha fronte para minimizar o dano causado polas sancións dos países occidentais, que sofren ambos os dous Estados, explicou pouco antes da viaxe o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que salientou as oportunidades de desenvolvemento en industria ou tecnoloxía e enerxía nuclear pacífica após desvelar que hai semanas xa se enviara unha proposta integral nese sentido a Teherán.

E o primeiro grande acordo, asinado onte, procura impulsar a produción enerxética persa no medio do debate sobre posíbeis cortes na subministración á Unión Europea (UE).

A empresa rusa Gazprom, baixo control do Estado, e a pública Compañía Nacional de Petróleo Iraniano, asinaron onte un memorando de cooperación polo que a primeira investirá até 40.000 millóns de euros para afianzar o sector e aumentar a produción no país. Ademais, supón o maior investimento estranxeiro na súa industria petroleira, afirmou Mohsen Khojste Mehr, director executivo da sociedade iraniana, sinala a axencia Tasnim, que fixo fincapé en que o pacto asegura a “sostibilidade enerxética do mundo”, ao posuír xuntos 30% das reservas mundiais de gas natural.

10.000 millóns de euros estarán dirixidos a desenvolver os campos de gas natural Kish e North Pars, no golfo Pérsico, para aumentar en arredor de 36.000 millóns de metros cúbicos a produción; 15.000 millóns de euros permitirán pór en marcha seis campos de petróleo e outros 15.000 irán dirixidos a construír gasodutos e cooperación científica.

Apenas un día antes, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, puxera a súa rúbrica nun memorando conxunto co presidente de Azerbaixán, Ilhan Aliev, para duplicar en 2027 os envíos de gas ao bloque comunitario, até os 20.000 millóns de metros cúbicos, informou Deutsche Welle. Asemade, investiranse 60 millóns de euros de fondos da UE en Bakú, o que, aseverou von der Leyen, mobilizará 2.000 millóns de euros adicionais en investimentos. Este acordo forma parte do plan Repower EU, que ten como obxectivo acabar coa dependencia dos combustíbeis fósiles vendidos por Rusia en 2030.

O aumento da cooperación entre Teherán e Moscova, amais da recoñecida fronte contra as sancións occidentais, tamén responde a unha fixación de bloques en Asia Occidental tras delimitar Biden os seus aliados. Con todo, nin Arabia Saudita nin Israel consideran Rusia o inimigo, pois ese papel correspóndelle a Irán.

Gazprom suspende as entregas de gas a tres clientes da UE

Por causas “extraordinarias”, desde o 14 de xullo a rusa Gazprom, que ten o monopolio das exportacións de gas do país por medio  de gasodutos, suspendeu a subministración de gas a tres dos principais clientes na Unión Europea, nunha información notificada ás compañías ese mesmo día, segundo indicou a axencia Reuters. Malia que unha das empresas afectadas aínda non foi identificada, transcendeu que as outras dúas foron Uniper, a principal empresa de importación de gas de Alemaña, e RWE, o maior produtor de enerxía teutón e outro relevante importador de gas.

Esta suspensión refírese ás entregas polo gasoduto Nord Stream 1, que se atopa en mantemento á espera de que sexa instalada a turbina que fora bloqueada no Canadá pro mor das sancións á Federación Rusa.

Comentarios