A misión da OIEA chega á nuclear de Zaporiyia tras ser retida en Ucraína

Rusia denuncia bombardeos e varios intentos de tomar a planta xusto no día no que o equipo da OIEA que inspeccionará a central de Zaporiyia chega ao lugar.
Comitiva do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) retida polas Forzas Armadas de Ucraína de camiño á central de Zaporiyia. (Foto: Renemassmedia)
photo_camera Comitiva do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) retida polas Forzas Armadas de Ucraína de camiño á central de Zaporiyia. (Foto: Renemassmedia)

A misión do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA), avalada pola Organización das Nacións Unidas, chegou onte á central nuclear de Zaporiyia, no oblast homónimo, controlada polas tropas rusas desde marzo no contexto da guerra en Ucraína.

Após avaliar a situación e inspeccionar a planta e os riscos asociados, está previsto que fique no lugar unha representación permanente que minimice o risco dun potencial desastre nuclear, alertara o director xeral da OIEA, Rafael Grossi, que lidera a misión no terreo.

Ao longo da xornada, rexistrouse unha importante actividade militar na zona. Autoridades municipais de Energodar, a localidade na que se sitúa a instalación, denunciaron ataques de artillería na central e nos arredores de Vasilievka, onde a OIEA tiña fixado o seu punto de encontro, denuncian.

Vladimir Rogov, do consello rexional, informou da morte de tres persoas polos ataques, incluída unha crianza, que provocaron danos en edificios residenciais e dúas colas infantís. Asemade, estes bombardeos provocaron a desconexión dun dos reactores do complexo nuclear.

Ademais, o Ministerio de Defensa ruso trasladou que dous grupos de sabotaxe ucraínos de 60 persoas cruzaron ás 6 horas da mañá o río Dniéper e trataron de tomar o control da planta, acabando por ser abatidos pola aviación rusa.

Unha hora despois, o Ministerio ruso aseverou que efectivos ucraínos intentaron cruzar o río a poucos quilómetros da central nuclear, denunciando que “a provocación do réxime de Kíiv ten como obxectivo perturbar” a misión da OIEA, que naquel intre se atopaba de camiño á central.

A súa chegada atrasouse ao reter o Exército de Ucraína durante tres horas a comitiva, indicou un voceiro da OIEA ao Washington Post, o que obrigou a que o propio Grossi tivera que negociar cos militares ucraínos para que lles permitiran o paso.

Porén, o responsábel rexional de Kíiv, Oleksandr Starukh, sostivo que o atraso produciuse por “razóns de seguridade”, aducindo que Rusia estaba a atacar as inmediacións e a ruta cara á central nuclear.

Malia que algúns medios chegaron a informar de que a misión fora suspendida, Grossi insistiu en que continuaría.

Ofensiva ucraína en Khersón

No oblast de Khersón continúa a ofensiva anunciada por Ucraína hai uns días, procurando romper as liñas das tropas rusas en cando menos catro puntos, segundo recollen medios especializados, e teríano conseguido  polo menos nun, á altura de Davydiv Brid.

Ao tempo, os expertos debaten aínda cales son os obxectivos reais da operación, a máis importante iniciada por Ucraína nos últimos meses, por unha banda, reitérase que pode ser a cidade de Khersón, con todo, a CNN fixo público que, por consello dos Estados Unidos, os obxectivos do ataque son limitados.

En todo caso, as autoridades ucraínas volveron facer un chamamento á poboación do leste e do sur do país para que abandonen os seus fogares antes da chegada do frío polo avance previsto dos combates.

Gazprom corta a subministración de gas á francesa Engie

Despois de reducir esta semana a subministración de gas natural á enerxética francesa Engie por "desacordos na aplicación dalgúns contratos", a rusa Gazprom anunciou onte que cortou a subministración "por non recibir a totalidade dos pagos do gas entregado en xullo".

Amais, hoxe remata o mantemento do Nord Stream 1, que obrigou a fechalo tres días. Berlín sinalou que varias empresas tiveron que parar polos prezos da enerxía.
 

Comentarios