A OIEA confirma que a central nuclear de Zaporiyia foi atacada

Ucraína reclama tanques a Alemaña e aos EUA entrementres a misión da OIEA permanece na central nuclear, que están a inspeccionar despois de rexistrar ataques na instalación.
Rafael Grossi, da OIEA. (Foto: Dean Calma / OIEA)
photo_camera Rafael Grossi, da OIEA. (Foto: Dean Calma / OIEA)

No segundo día da misión do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) na central nuclear de Zaporiyia, en Ucraína, os inspectores da entidade comprobaron como a integridade física da instalación foi vulnerada en varias ocasións, destacou onte o director xeral da OIEA, Rafael Grossi, que lidera a misión.

Ao tempo, subliñou que, de momento, non se pode confirmar se os impactos foron froito de accións casuais ou deliberadas, e afirmou que durante a súa estadía na planta están a vivir situacións “bastante difíciles”.

“Esta mañá houbo momentos nos que os ataques eran obvios, fogo de metralladoras pesadas, artillería, morteiros dúas ou tres veces, foi moi preocupante para todos nós”, sostivo, agradecendo o seu traballo ao persoal de seguridade da Organización das Nacións Unidas.

As 14 persoas que compoñen a misión da OIEA revisaron os sistemas de emerxencia, os xeradores de gasóleo, os sistemas de control dos bloques de xeración e outros elementos, abundou Grossi.

Sergei Shoigu, titular do Ministerio de Defensa ruso, apuntou que agardan que “se poñan a disposición da comunidade internacional os resultados obxectivos da misión”, acusando Ucraína de “crear unha ameaza real dunha catástrofe nuclear en Europa”.

Nese sentido, precisou que desde o 18 de xullo foron lanzados contra a central “29 ataques, 120 proxectís de artillería e 16 drons kamikazes”, “co uso de armas occidentais”, e reiterou que non despregaron armas pesadas nin na planta nin na contorna.

Pola súa banda, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, denunciou que Rusia trata de “enganar” a OIEA e que é a responsábel dos ataques contra a planta nuclear que as tropas de Moscova controlan desde marzo, pedindo a desmilitarización da central, a máis grande de Europa, e censurando que Moscova non deixara acompañar a misión a xornalistas que Kíiv considera “independentes”.

Ademais, Herman Galushchenko, ministro ucraíno de Enerxía, solicitou á OIEA que declare que a presenza militar rusa na instalación é unha ameaza para a seguridade nuclear.

Ao respecto dos envíos de armamento dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte ás Forzas Armadas ucraínas, Denis Shmigal, primeiro ministro do país, pediu onte a Alemaña e aos Estados Unidos que aumenten a súa achega (só Washington deu máis de 10.000 millóns de euros de axuda militar), incluíndo tanques Abrams e Leopard 2, producidos por estes dous países.

Comentarios