A OIEA solicita estabelecer unha "zona de protección" na central nuclear de Zaporiyia

Rusia denuncia novos bombardeos ucraínos contra a planta pouco antes de que a OIEA fixera público o seu informe.
Expertos do Organismo Internacional de Enerxía Atómica durante a súa misión de inspección na central nuclear de Zaporiyia. (Foto: D. Candano Laris / IAEA / dpa)
photo_camera Expertos do Organismo Internacional de Enerxía Atómica durante a súa misión de inspección na central nuclear de Zaporiyia. (Foto: D. Candano Laris / IAEA / dpa)

“A pesar de que o bombardeo en curso aínda non provocou unha emerxencia nuclear, segue a representar unha ameaza constante para a seguridade nuclear”, destacou o informe publicado onte polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) sobre a súa visita á central nuclear de Zaporiyia (Ucraína), controlada polas Forzas Armadas rusas desde marzo.

A preocupación polo estado da planta, con múltiples zonas afectadas que inclúen a área de almacenaxe do combustíbel nuclear, leva a entidade a recomendar que “se deteñan inmediatamente os bombardeos no lugar e nas súas proximidades para evitar máis danos”, así como garantir a “seguridade do persoal operativo e manter a integridade física para soportar operacións seguras”.

Nesa liña, alerta de que “o persoal ucraíno que opera a planta baixo a ocupación militar rusa está baixo constante tensión e presión”, informando de que están a traballar 907 persoas cando o normal era 1.230 para cubrir tres quendas, e cualificando a situación de “non sostíbel, podendo levar a un aumento dos erros humanos con implicacións para a seguridade nuclear”.

Malia que o mellor para garantir a seguridade “sería que este conflito armado rematase agora”, a OIEA recomenda tomar medidas provisionais para evitar un accidente nuclear, destacando que “isto se pode conseguir mediante o estabelecemento inmediato dunha zona de protección e seguridade nuclear”, e ratifica que están listos para comezar as consultas coas partes. En todo caso, fican na central dous expertos da axencia internacional.

O director xeral, Rafael Grossi, que liderou a misión que entrou na instalación nuclear a pasada quinta feira, explicou perante o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas os resultados do informe.

Novos bombardeos

Horas antes da súa publicación, o voceiro do consello rexional da administración cívico-militar, Vladimir Rogov, denunciou que o Exército ucraíno bombardeou a contorna da central nuclear e a cidade de Energodar, na que se sitúa, provocando danos na liña eléctrica que obrigaron a desconectar a subministración procedente da planta, a máis grande de Europa. 24 horas antes, foi preciso desconectar o último reactor que ficaba activo por un incendio provocado por outros bombardeos.

Pola súa banda, as autoridades de Kíiv insisten en que é Moscova quen está a atacar as zonas que ten controladas o Exército ruso no contexto do conflito.

Non obstante, o informe da OIEA non atribúe os bombardeos a ningún dos dous bandos.
Arredor diso, a misión diplomática rusa en Viena (Austria), onde ten a sede a OIEA, publicou fotos de restos dun ataque na área da planta nuclear, explicando que pertencían a proxectís ucraínos e apuntando un incremento dos bombardeos desde agosto.

No documento, a entidade indica que hai vehículos militares rusos na planta, que para o Kremlin son para custodiar a integridade da central, mais non informa de artillería pesada, como viña denunciando o Executivo que dirixe Volodimir Zelenski, presidente ucraíno. Asemade, a OIEA sinala que o equipo militar “socava o sistema de protección física”.

Ucraína desacreditou nas últimas xornadas a misión da entidade

Apenas unhas horas despois de que o equipo de expertos da OIEA cruzara cara á zona controlada por Rusia, as autoridades ucraínas comezaron a cuestionar o traballo da OIEA. Zelenski criticou a Grossi por non exixir inmediatamente a desmilitarización da planta e por non obrigar Rusia a aceptar a entrada de xornalistas que Kíiv considera "independentes".

Entrementres, un dos seus asesores, Mijailo Podoliak, trasladou dúbidas sobre a capacitación da misión e reclamou á axencia que se centrara só en cuestións relativas á "enxeñería nuclear".

Na súa última alocución antes da publicación do texto, o mandatario ucraíno volveu denunciar ataques das tropas rusas á central nuclear, o que, defendeu, "significa que ao Estado terrorista non lle importa o que diga a OIEA". Ao tempo, pediu incrementar as sancións contra Rusia.

Comentarios