venres 07/05/21

A OMS insta a non confiarse pola vacinación: o descontrol da Covid-19 non é exclusivo “da India e do Brasil”

A organización subliña que houbo máis notificacións de contaxios nas dúas últimas semanas que nos seis primeiros meses desta crise sanitaria. Neste contexto, continúa activa a corrente que pide a liberación das patentes dos fármacos.
Campaña de vacinación na India. (Foto: Prabhat Kumar Verma / ZUMA Wire / DPA)
Campaña de vacinación na India. (Foto: Prabhat Kumar Verma / ZUMA Wire / DPA)

“O que está a ocorrer na India e no Brasil podería ocorrer noutros lugares se non se respectan as medidas para evitar os contaxios”. Esta categórica afirmación foi feita nesta segunda feira polo director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, que quere incidir en que ningún territorio está libre de que o virus regrese a unha situación de descontrol.

"Podería suceder noutros lugares a menos que todos tomemos estas precaucións de saúde pública que a OMS estivo pedindo desde o comezo da pandemia de Covid-19”, insistiu nunha rolda de prensa na que falou da situación actual da pandemia.

Para o responsábel da organización, “as vacinas son parte da resposta, pero non son a única resposta", pois que parte da poboación tivera inoculado unha cura non implica que o resto non poida ser infectada. Aliás, como con calquera medicación hai porcentaxes de erro e xa se alertou de que os fármacos protexen ao 95%.

Máis nas últimas semanas que durante "os primeiros seis meses"

Así, reiterou a preocupación da institución sanitaria dado que “nas últimas dúas semanas” houbo unha maior notificación de casos de coronavirus en todo o mundo “que durante os primeiros seis meses” desta crise sanitaria.

Se ben é certo que Brasil e a India, coas súas cepas, “representan máis da metade dos casos da semana pasada”, a fraxilidade do sistema xa se trasladou a outras zonas.

Por outra parte, comentou que a estimación é que habería que acometer un investimento de “entre 35.000 e 45.000 millóns de dólares máis o ano que vén para vacinar á maioría dos adultos do mundo”. Por iso pide fondos aos Estados máis ricos.

En calquera caso, a fronte da petición de que se liberen as patentes das vacinas segue aberta. "Para protexernos localmente, temos que actuar globalmente. Non é caridade, é unha cuestión de seguridade nacional", defendeu o ex primeiro ministro británico Gordon Brown, amosándose como unha desas persoas públicas que traballan neste camiño común.

comentarios