venres 07/05/21

Brasil avanza na suspensión das patentes das vacinas da Covid-19

O Senado aproba a norma, que agora irá ao Congreso. Biden, nos Estados Unidos, tamén baralla a posibilidade.
EuropaPress_3556913_mujer_recibe_vacuna_china_contra_coronavirus_centro_salud_sao_paulo_brasil
Unha muller recibe a vacina Sinovac contra a Covid-19 nun centro de saúde da cidade de São Paulo (Foto: Rahel Patrasso / Xinhua)

O Senado do Brasil aprobou na quinta feira ─madrugada galega de hoxe─ un proxecto de lei para suspender as patentes das vacinas da Covid-19, así como as de tests e medicamentos durante o que dure a pandemia. A norma foi enviada ao Congreso para a súa consideración, sen que estea claro se nesta Cámara baixa recibirá os apoios suficientes.

No Senado, "a proposta provocou muita discussão e dividiu a opinião dos senadores durante a sessão", segundo informou a Agência Brasil. O proxecto de lei contou con 55 votos favoráveis e 19 en contra.

A aprobación parlamentaria final, de darse, afectaría ás farmacéuticas anglosueca AstraZeneca e á chinesa Sinovac Biotech, que contan con fábricas de produción no Brasil. Precisamente na quinta feira pola noite (hora local), a estadounidense Pfizer tamén facía a primeira entrega das súas vacinas.

Na práctica, as farmacéuticas estarían obrigadas a ceder ás autoridades públicas brasileiras, de ser solicitados, todos os datos necesarios para a produción de vacinas e de medicamentos contra a Covid. Entón, baixo un estado de emerxencia decretado polo Goberno, poderíanse producir esas vacinas localmente cun acordo puntual.

Acordo PT-PSD

O relator da proposta, o senador Nelsinho Trad, do Partido Social Democrático (PSD, centro dereita), explicou que o Goberno "terá 30 dias para a regulamentação, elaborando uma lista das patentes e pedidos de patentes sujeitos ao licenciamento compulsório".

"Propomos prever que poderá ser concedida licença compulsória quando não forem atendidas as necessidades de emergência nacional ou de interesse público, declarados em lei ou ato do Poder Executivo Federal, ou diante de estado de calamidade pública de âmbito nacional, decretado pelo Congresso Nacional", sinalou Trad.

A proposta foi redactada polo senador Paulo Paim, do Partido dos Trabalhadores (PT, socialdemócrata). Na versión orixinal escusábase o Brasil de cumprir, durante a situación de emerxencia provocada polo coronavirus, algunhas exixencias adoptadas pola Organización Mundial do Comercio (OMC) no Acordo sobre Aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual Relacionados co Comercio (Trips, en inglés, asinado en 1994). Finalmente este punto foi retirado logo de ser acordado por Trad e Paim.

O Goberno do presidente Jair Bolsonaro opúxose publicamente ás propostas de suspender as patentes, argumentando que poría en perigo as negociacións cos produtores das vacinas.

Paim, porén, cre que é necesaria para acelerar o proceso de inoculación na situación de emerxencia que vive o país. E Trad argumentou que "temos que fazer alguma coisa para poder diminuir as dificuldades que estão à nossa frente, não podemos ficar passivos dia após a dia com três a cinco mil mortes".

Biden tamén o baralla

Ao respecto da suspensión temporal de patentes das vacinas da Covid, tamén se pronunciou esta semana o Goberno dos EUA. O presidente do país, Joe Biden, estaría a estudar "seriamente" esta posibilidade, segundo manifestou a secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki.

"A Casa Branca está a considerar opcións para maximizar a produción e a subministración mundial de vacinas ao menor custe, incluíndo o apoio a unha proposta de exención dos dereitos de propiedade intelectual, mais non se tomou ningunha decisión", declarou. 

comentarios