A OMS pide aos estados europeos que axuden "con todo o que poidan" a India ante a vaga da Covid-19

O Ministerio de Sanidade daquel país falou de 380.000 contaxios activos e preto de 3.700 mortes nas últimas 24 horas. Á marxe desta cuestión, o representante da OMS tamén invita á cidadanía europea a non confiarse.
Un home sobre unhas bombonas de osíxeno na India. (Foto: Prabhat Kumar Verma / ZUMA Wire / DPA)
photo_camera Un home sobre unhas bombonas de osíxeno na India. (Foto: Prabhat Kumar Verma / ZUMA Wire / DPA)

O director da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, Hans Henri P. Kluge, vén de reclamar aos estados europeos que apoien á India neste momento da pandemia no que as cifras son alarmantes. O mandatario animou a fornecer “todo o que poidan” para frear a onda de contaxios coa nova mutación do virus, cuxa posíbel chegada a Galiza xa está a ser investigada.

"Os nosos pensamentos e oracións están, en particular, co pobo da India e a súa loita contra a horrible onda de COVID-19. Fago un chamamento aos países da Rexión Europea da OMS para que fagan todo o que poidan, como sexa, para apoiar á India, e agradezo aos que xa prestaron axuda", incidiu.

A necesidade é tal porque tan só nesta quinta feira as autoridades do estado informaron de cifras máximas de casos activos, mais tamén de mortos con 3.700 decesos. As e os pacientes abeiran os 380.000, o que implica que xa estean preto dos 18 millóns de contaxios desde que comezou esta crise sanitaria.

No que se refire aos óbitos, o Ministerio de Sanidade local falou de 204.832 nese mesmo período. O problema é que a evolución epidemiolóxica coa nova cepa está a superar todas as cotas detectadas con anterioridade.

Aliás, a situación fixo saltar as alarmas a nivel nacional e internacional, con varios países ofrecendo axuda a Nova Deli para facer fronte á presión no seu sistema sanitario, no medio das críticas ao primeiro ministro, Narendra Modi, pola xestión desta pandemia.

Por outra banda, Kluge amosou a súa satisfacción porque o número de vacinadas e vacinados continúe en aumento en Europa. No entanto, advirte de que non é o momento para confiarse.

“O virus segue a ter o potencial de inflixir efectos devastadores. Cerca da metade de todas as infeccións por Covid-19 en Europa notificáronse durante os primeiros catro meses deste ano”, remarcou, intentando trasladar á sociedade a idea de que a prevención segue a ser básica. 

Comentarios