A 'variante india' pon o mundo en alerta

A India converteuse nas dúas últimas semanas no novo epicentro da Covid no mundo. Varios actos multitudinarios puxéronlle en bandexa ao novo coronavirus saltar de persoa en persoa. Máis alá da dramática situación de colapso sanitario, preocupa o avance dunha nova variante, que conta cunha dupla mutación.
EuropaPress_3668558_27_april_2021_india_prayagraj_family_members_wait_with_bodies_of_their
photo_camera Varias persoas agardan cos corpos sen vida de familiares a súa quenda nun crematorio de Prayagraj, onte (Foto: Prabhat Kumar Verma / ZUMA)

319.435. Esa é a cifra de novos contaxiados pola Covid-19 na India nas últimas 24 horas, segundo os datos recompilados pola web Worldometer. En contexto: os seguintes na lista son os Estados Unidos (47.456), Turquía (37.312) e o Brasil (29.669). 

Nos últimos días, o país do sueste asiático desbancou o suramericano do segundo posto da lista de casos acumulados (17,6 millóns); continúa a liderar o norteamericano (32,9 millóns), aínda que cunha tendencia á baixa.

Tamén por número de mortes, a India é o país do mundo onde máis persoas faleceron nas últimas 24 horas como consecuencia da enfermidade que provoca o SARS-CoV-2. En concreto foron 2.764. Séguena o Brasil (1.279), o Irán (496) e os EUA (455). No total acumulado, vai camiño de superar a México na terceira posición, que seguen a encabezar os EUA e o Brasil.

Obviamente, o número de habitantes no segundo país máis poboado do mundo (1,4 millóns, no camiño a superar á China nos próximos anos; por 333.000 dos EUA ou 214.000 do Brasil) é tamén un dato a ter en conta para contextualizar as cifras de mortes e de contaxiados na India.

Porén, o que preocupa entre as persoas expertas é a tendencia: a rápida capacidade de transmisión do virus, actualmente descontrolado e que fixo colapsar os servizos de saúde. En definitiva, o temor inicial manifestado pola OMS cando en marzo de 2020 declarou a pandemia. 

Súplicas no Twitter

A día de hoxe non hai camas nin osíxeno para todos os pacientes. A isto hai que sumar as mortes non relacionadas coa Covid sucedidas pola incapacidade de obter atención médica. Os hospitais, segundo recollen axencias internacionais e medios locais, vense na obriga de denegar a admisión de pacientes, que vagan polos centros de saúde suplicando auxilio. 

As redes sociais (Twitter e Facebook, entre outras) convertéronse en plataformas para a infinidade de rogos a título persoal dos numerosos afectados. Tamén, como ferramenta de crítica á xestión das diferentes administracións, até o punto de que o Goberno indio exixiu a Twitter a retirada de varias entradas amparándose na lei de Tecnoloxía e Información, aprobada en 2000 para protexer a "soberanía e a integridade da India". Twitter accedeu.

Ademais, The Times of India informaba onte de que os cadáveres se acumulaban en colas de 20 horas agardando por un proceso de cremación ininterrompido, que levou á instalación de piras improvisadas en parques de Delhi, Estado que alberga Nova Delhi, a capital da India. 

Esta megacidade de arredor de 20 millóns de habitantes permanece baixo un severo confinamento desde o 19 abril. A capital financeira, Bombai (12,5 millóns), e outros territorios tamén estabeleceron restricións. 

E foi onte que comezou a chegar ao país axuda enviada polos EUA ou polo Reino Unido ─históricos socios─; tamén pola UE, que activou esta semana o Protocolo de Protección Civil para facilitar medicamentos e osíxeno aos hospitais indios. Ao mesmo tempo, son varios os Gobernos que estabeleceron restricións ás viaxes coa India.

Kumbh Mela e eleccións

Mais, que levou o país a acumular en poucos días máis dun millón de contaxios coa Covid-19, logo de hai poucas semanas rexistrar menos e menos casos diarios? Os eventos masivos durante as campañas electorais dos comicios de principios de abril en varios Estados e as concentracións con motivo de varias festividades relixiosas no marco do Kumbh Mela terían moito a ver en que desde o 15 de abril se rexistren máis de 200.000 casos diarios. 

Na India é predominante a variante do novo coronavirus que foi primeiramente identificada no Reino Unido e que probou ser até 60% máis contaxiosa que a inicial. Porén, preocupa a expansión da variante B.1.617, rexistrada precisamente por vez primeira no Estado indio de Maarastra en outubro de 2020. Preocupa na India e no resto do mundo.

A espiña mutante

Esta "variante india" ten unha dupla mutación: unha similar á observada nas "brasileira" e "surafricana" e unha segunda que tamén se deu na "californiana". Estas dúas mutacións danse na espícula, a parte con forma de agulla ou de espiña, que o virus usa como chave para acceder ás células humanas.

As actuais vacinas, tanto as baseadas na tecnoloxía de ARN mensaxeiro (Pfizer/BioNTech e Moderna) como as que usan un adenovirus como vector viral (Janssen, AstraZeneca, Sputnik V) activan o sistema inmunolóxico para identificar a espícula e atacar o virus en caso de infección. Mais se a espícula do coronavirus muta de maneira considerábel, as vacinas poderían non identificala e seren inútiles.

Comentarios