A OMS insta a "actuar agora" ante a onda de calor no hemisferio norte

O suroeste dos Estados Unidos supera os 53°C e a China os 52°C, a maior temperatura rexistrada por riba do paralelo 40 norte.
Tedros Adhanom Ghebreyesus. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Tedros Adhanom Ghebreyesus. (Foto: Nós Diario)

Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), advertiu esta segunda feira que “as ondas de calor poñen en risco a nosa saúde e a nosa vida”, durante unha vaga de altas temperaturas no hemisferio norte.

Asemade, fixo fincapé en que “en moitas partes do mundo prevese que hoxe [pola segunda feira] sexa o día máis caloroso da historia, e estes récords xa se bateron algunhas veces este ano”, polo que instou os líderes mundiais a que “actúen agora”, reiterando que a crise climática “non é un aviso”.

Poucas horas antes, na madrugada do domingo á segunda feira, informouse de que o Val da Morte, no suroeste dos Estados Unidos, alcanzou a temperatura máis alta do mundo en 2023, ao marcar o termómetro os 53,3ºC, após superarse pouco antes os 52ºC na China, unha cifra que The Washington Post asegurou que é a temperatura máis alta rexistrada no mundo por riba do grao 40 de latitude no hemisferio norte.

Os Estados Unidos trasladaron á poboación que a onda de calor será “xeral e opresiva” no sur e oeste do país, que enfronta múltiples incendios forestais, entrementres, o Xapón emitiu alertas pola calor en 20 das 47 prefecturas. En paralelo, en Corea do Sur cando menos 40 persoas faleceron polas chuvias torrenciais froito dos monzóns, cada vez máis irregulares por mor do cambio climático.

A Organización Meteorolóxica Mundial alertou de que a calor se intensificará “a mediados da semana en parte do Mediterráneo, incluídas Grecia e Turquía”, sostendo que é “probábel que continúe en agosto”.

En Turquía, os lumes asolan no mínimo tres provincias, e en Grecia 1.200 crianzas foron evacuadas de campamentos pola expansión dos incendios forestais. Tamén foron desaloxados varios centros turísticos na costa do país.

Ademais, a Oficina Meteorolóxica do Reino Unido indicou que a temperatura global da superficie do mar alcanzou marcas históricas en abril e maio, e adiantou que é probábel que o mesmo acontecera en xuño.

Limitar o luxo

A revista Nature Energy fixo público un estudo da Universidade de Leeds, no Reino Unido, sobre 27 países de Europa (todos os da Unión Europea agás Austria e incluíndo o Reino Unido), e que apunta que limitar de forma moderada a demanda de produtos de “luxo enerxético” do 20% da poboación europea que máis enerxía consume diminuiría case 10% a contaminación por gases de efecto invernadoiro.

Comentarios