Guerra en Ucraína

O OIEA avalía a central nuclear de Zaporiyia: pode producirse unha catástrofe na maior planta de Europa?

Unha delegación de persoas expertas chegará esta mesma semana á localidade ucraína para determinar se a planta segue a ser segura após os ataques rexistrados nas últimas xornadas.
Central nuclear de Zaporiyia (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News).
photo_camera A central nuclear de Zaporiyia foi escenario de ataques nas últimas semanas entre os exércitos de Ucraína e Rusia. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News)

Un grupo de persoas expertas avaliará a situación na que se atopa, no medio da guerra entre Ucraína e Rusia, a central nuclear de Zaporiyia. O Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) enviou un equipo que "xa está en camiño", segundo vén de precisar o seu director xeral, Rafael Mariano Grossi.

Grupo de persoas expertas enviado a Zaporiyia pola OIEA. (Foto: Rafael Grossi / Twitter)
Grupo de persoas expertas enviado a Zaporiyia pola OIEA. (Foto: Rafael Grossi / Twitter)

Está previsto que a delegación do OIEA chegue ao lugar a finais desta semana. "Debemos protexer a seguridade de Ucraína e da maior instalación nuclear de Europa", subliñou Grossi, nunha mensaxe difundida a través das súas redes sociais.

A misión ten por obxectivo avaliar os danos físicos nas instalacións e determinar se os sistemas de seguridade e protección principais continúan en funcionamento. Tamén supervisará as condicións de traballo do persoal, alén de realizar "actividades urxentes de salvagarda" na zona. "Non podemos permitirnos perder máis tempo", urxiron desde o OIEA.

Este mesmo domingo tanto o Ministerio de Defensa ruso como a operadora enerxética ucraína, Energoatom, confirmaron a "total normalidade" nos niveis de radiación desta central, que foi escenario en semanas pasadas de combates entre ambos os exércitos.

Rusia e Ucraína acusáronse mutuamente nos últimos días de ter lanzado ataques contra a planta nuclear e, por tanto, comprometer a seguridade na rexión. O Goberno ucraíno informou o OIEA de senllos bombardeos na quinta feira, a sexta e o sábado pasados, se ben apuntou que aínda non ten a "información completa" sobre a natureza do dano.

Pola súa parte, no último mes as autoridades rusas denunciaron "reiterados ataques directos" contra a central de Zaporiyia por parte de Kíiv. O representante permanente de Rusia ante a ONU, Vasili Nebenzia, advertiu da posibilidade dun "accidente nuclear con consecuencias catastróficas para todo o continente europeo" por mor das ofensivas nesta rexión.

Unha visión compartida, malia que sinalando diferentes culpábeis, polo presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, que o sábado cualificou a situación de "arriscada e perigosa". "Calquera nova desconexión porá a planta a un paso do desastre", dixo, en alusión aos cortes de subministro eléctrico que provocaron o apagado de dúas unidades do reactor, xa operativas de novo, segundo explicou o OIEA.

Comentarios