Existe o risco real dun accidente nuclear na central de Zaporiyia, en Ucraína?

A central, controlada por Rusia desde o pasado mes de marzo, está a sufrir bombardeos por parte do exército ucraíno, segundo recoñeceu Kíiv e confirmou o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA).
Central nuclear de Zaporiyia, en Ucraína. (Foto: Europa Press)
photo_camera Central nuclear de Zaporiyia, en Ucraína. (Foto: Europa Press)

A central nuclear de Zaporiyia, situada en Ucraína e a máis grande de Europa, está a ocupar o foco do panorama mediático internacional polos combates que os exércitos ruso e ucraíno están a desenvolver nas súas proximidades. A pasada semana producíronse unha serie de "incidentes de bombardeo" que afectaron algunhas zonas da instalación de combustíbel, ademais do sistema de subministración de enerxía externa da planta.

A pesar de que Ucraína acusou Rusia de ser a autora destes ataques, finalmente recoñeceu que foran os seus soldados os que realizaran o bombardeo contra a central nuclear, baixo o control de militares rusos desde o pasado marzo. Así o confirmou o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA), que denunciou que a continuidade dos ataques podería provocar unha fuga "inaceptábel" de residuos.

Porén a propia OIEA subliñou que, polo de agora, "non hai ningunha ameaza inmediata para a seguridade nuclear". Malia isto, entre os traballadores e traballadoras que aínda permanecen na planta, esa seguridade non é tal. Segundo explicaron varios profesionais da central a medios locais, case a metade do cadro de persoal xa non está traballando nela, polo que cada un deles ten que facerse cargo de máis tarefas.

Aliás, os continuos bombardeos que sofre a central de Zaporiyia poñen en risco estas traballadoras e traballadores, xa que as instalacións están cada vez máis deterioradas e as condicións de traballo son máis precarias.

Inspección "urxente" en Zaporiyia

Esta cuarta feira, o secretario xeral da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, sumouse á lista de voces que exixen unha inspección "urxente" da central nuclear de Zaporiyia, co obxectivo de avaliar os danos nas súas infraestruturas e calcular o risco real de que se produza un accidente nuclear.

Coa sombra do desastre da central de Fukushima, en Xapón, ocorrido en marzo de 2011 por un tsunami, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), Antonio Guterres, tamén chamou a que se leve a cabo esa inspección técnica. Aliás, Guterres pediu a Rusia e Ucraína que "retiren calquera persoal e equipo militar da planta e eviten calquera despregamento adicional de forzas ou equipo na zona".

Mentres tanto, as vilas e cidades lindeiras coa localidade de Enerhodar, onde se atopa a central nuclear, quedaron parcialmente baleiras, xa que gran parte da poboación teme que finalmente se produza unha explosión que libere material radioactivo. Os residentes que quedan son na súa maioría traballadores da central e integrantes do exército ucraíno, ademais de aquelas familias que non teñen outro sitio onde ir.

Polo pronto, semella que o risco dun posíbel desastre nuclear en Zaporiyia non é elevado, mais todas as partes coinciden en que esta situación pode cambiar en calquera momento. O xefe da OIEA, Rafael Grossi, recoñeceu que, ante a "información contraditoria" proporcionada por Rusia e Ucraína, é imposíbel coñecer o estado real da central sen que un equipo técnico realice unha inspección de maneira presencial.

Comentarios