A ONU advirte que un ataque á central nuclear de Zaporiyia sería "suicida"

"Non hai país no mundo que se poida sentir seguro se un Estado terrorista bombardea unha planta nuclear", destacou Zelenski.
Helicóptero Mi-8 das Forzas Armadas ucraínas. (Foto: Igor Maslov / Sputnik / ContactoPhoto)
photo_camera Helicóptero Mi-8 das Forzas Armadas ucraínas. (Foto: Igor Maslov / Sputnik / ContactoPhoto)

"Calquera ataque a unha planta nuclear é algo suicida e agardo que eses ataques rematen e, ao mesmo tempo, agardo que o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) poida acceder á planta e exercer as súas competencias", ratificou esta segunda feira o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres.

Esta advertencia chega poucos días despois de que salientara que o risco de desastre nuclear "é moi serio", a raíz do ataque a finais da semana pasada do Exército ucraíno á central nuclear de Zaporiyia -a máis grande de Europa e a terceira do mundo-, que está controlada polas 
forzas rusas.

Daquela, Moscova destacou que a sorte evitou que ocorrese un accidente, malia que obrigou a fechar dúas liñas eléctricas, e reclamou a presenza do xefe da OIEA. Pero non foi o primeiro ataque contra a instalación, Kíiv adoita xustificalos sostendo que as Forzas Armadas rusas úsana para atacar as súas tropas.

Porén, ao saltar á palestra pública esta situación defendeu que son os propios rusos os que atacan a central, "non hai país no mundo que se poida sentir seguro se un Estado terrorista bombardea unha planta nuclear", declarou o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

Pola súa parte, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, exixiu aos países "con influencia absoluta" sobre Kíiv que intercedan para evitar o risco dunha catástrofe nuclear. Ao tempo, as autoridades da rexión, controlada maioritariamente por Rusia, anunciaron onte a organización dun referendo previsto para setembro, no que se votará se incorporarse á Federación Rusa.

Amais, a CBS, cadea que publicara un documental no que afirmaba que apenas 30% das armas enviadas a Ucraína chega ao seu destino, froito da corrupción e dos traficantes de armas, borrou tanto o documental como as publicacións relacionadas tras as queixas de Kiev.

Comentarios