A OEA recoñece o "racismo" das elites do Perú e alerta dunha democracia "en risco"

A entidade reclama 100 días de "tregua política" aos principais actores após constatar a fráxil situación da institucionalidade do país nunha misión reclamada polo presidente Castillo para tratar de frear o que considera un golpe de Estado das elites do país. Aínda así, a oposición conservadora, que controla o lexislativo e a Xustiza e foi denunciada por racismo pola OEA, continúa tratando de acabar co mandato de Castillo.
O presidente peruano, Pedro Castillo (centro), na toma de posesión como primeira ministra de Betssy Chávez (dereita) a pasada semana. (Foto: Consello de Ministros do Perú)
photo_camera O presidente peruano, Pedro Castillo (centro), na toma de posesión como primeira ministra de Betssy Chávez (dereita) a pasada semana. (Foto: Consello de Ministros do Perú)

Após 29 reunións con distintos poderes do Perú, a Organización dos Estados Americanos (OEA) emitiu na madrugada da quinta feira o seu veredicto da situación do país, despois do chamamento feito polo presidente progresista Pedro Castillo para que a entidade se implicase na resolución dunha inestabilidade que impide o traballo gobernamental que respondería a un intento das elites do país de dar un golpe de Estado.

A OEA conclúe que a democracia no Perú “está en risco” por unha “polarización que se reflicte nunha loita interna entre os poderes do Estado”; citando un dos funcionarios entrevistados cuxa identidade non foi revelada, apunta a “unha guerra civil entre as institucións públicas”,  explicando a inestabilidade pola fragmentación das forzas políticas e polo uso “indiscriminado” por parte da oposición que controla o Congreso das mocións de censura, da prohibición de viaxar a Castillo a actos internacionais ou das reiteradas denuncias constitucionais contra el.

Todo isto deriva nun proceso de “xudicialización da política e politización da Xustiza”, sostén, advertindo da perda de credibilidade dos actores políticos perante a poboación pola “confrontación permanente”.

Racismo na política peruana

Como denunciou en distintas ocasións Castillo, xa no axustado reconto que o levou á Presidencia en xullo de 2021 e que tratou de ser invalidado con chamamentos incluso a un golpe de Estado para evitar que chegase ao Palacio de Goberno, a OEA constatou que hai importantes sectores políticos que promoven o racismo no Perú, unha discriminación que se intensificou con insultos cara ao xefe do Estado ao non aceptar que unha persoa fóra dos círculos tradicionais alcanzara o poder, polo que lles reclamou que respecten os dereitos humanos. Ao tempo, cuestionou a falta de vontade  de negociación nestes sectores.

Entre as recomendacións da OEA para desbloquear a situación atópase unha convocatoria formal de diálogo, que algúns partidos da oposición xa rexeitaron, así como unha tregua política de 100 días que permita a Castillo avanzar no seu plan de Goberno, conxelado polo bloqueo no lexislativo.

Asemade, pediu ao Tribunal Constitucional que exerza de garante dos choques entre os poderes do Estado, facendo respectar as disposicións constitucionais.

O mandatario contestou o documento lanzando unha proposta de diálogo aos liderados das formacións políticas e ás institucións do Estado, subliñando que o informe corrobora que o seu gabinete “recibe ataques desestabilizadores por un grupo político que até hoxe descoñece o voto popular e pretende vulneralo”.

A pesar das peticións da OEA, o Constitucional do país, aliñado cos sectores tradicionais, tardou pouco en responder ao organismo por medio dunha decisión na que suspende de forma preventiva a competencia do Executivo para disolver o Congreso no caso de que denegue en dúas ocasións a confianza ao Goberno.

A demanda do lexislativo chegou despois de que o ex primeiro ministro Aníbal Torres perdera unha moción de confianza, o que levou á designación para o posto de Betssy Chávez a semana pasada, converténdoa na quinta primeira ministra no mandato de Castillo, e que insistiu en que non teñen programado disolver o Congreso.

O Congreso aproba a terceira moción de censura

Case á vez que a OEA facía públicas as conclusións das súas pescudas, o Congreso aprobou que o 7 de decembro Castillo teña que enfrontar a terceira moción de censura do seu mandato tras superar as dúas anteriores.

Ademais, nunha decisión que a primeira ministra considerou inconstitucional, unha comisión da cámara aprobou reducir o número de votos necesarios para a destitución do presidente, así como elaborar unha reforma constitucional que estabelece a convocatoria de eleccións xerais en 2023, adiantando en tres anos o final do mandato de Castillo.

O órgano tamén está pendente de votar a denuncia constitucional da fiscal xeral, Patricia Benavides, contra Castillo por corrupción, presentada tras demandar o presidente a dúas irmás de Benavides, xuízas acusadas, entre outros, de liberar narcotraficantes por subornos.

Comentarios