Perú culpa Repsol da vertedura de cru: "É un ecocidio"

O presidente peruano, Pedro Castillo, avanzou que tomará medidas "urxentes e graves" por unha vertedura que xa afecta 1,7 quilómetros cadrados da costa do país.
Operarios limpan a área afectada no distrito de Callao polo derramamento de cru dunha refinaría propiedade de Repsol (Foto: César Fajardo/DPA).
photo_camera Operarios limpan a área afectada no distrito de Callao polo derramamento de cru dunha refinaría propiedade de Repsol (Foto: César Fajardo/DPA).

O pasado sábado o tsunami causado pola erupción volcánica na illa oceánica de Tonga alcanzou o litoral peruano, no momento en que un buque petrolero descargaba cru á refinaría La Pampilla, propiedade da compañía española Repsol, que opera no distrito de Ventanilla.

A vertedura cubriu até o de agora 1,7 quilómetros cadrados (km2) de praias, mentres na auga frota o petróleo nunha área de arredor de 1,2 km2, segundo sinalan desde o Goberno do Perú.

Nun comunicado de prensa, Repsol escudouse en que no momento da descarga o país non decretara a alerta de tsunami, e afirmou que desde o momento do accidente activou o seu "plan de continxencia". Aliás, a petrolera lamentou non ter transmitido "de forma axeitada" todos os seus "compromisos" e "accións asumidas" para atender o impacto da vertedura.

Repsol entregou esta quinta feira un informe ao Goberno informando do estado actual das súas actividades de limpeza nas zonas afectadas polo cru, para as que ten un prazo de dez días.

Pola súa parte, o presidente peruano, Pedro Castillo, anunciou que emprenderá accións "urxentes" e "graves" para sancionar as persoas responsábeis dun dos "ecocidios máis grandes" producidos no país.

"O dano ecolóxico no noso litoral é inadmisíbel. Desde o Estado dispuxéronse as accións penais, civís e administrativas a fin de salvagardar a soberanía e o benestar do país", defendeu.

Castillo solicitou o apoio de "todas as e os representantes políticos e a cidadanía" para tomar accións "á altura" da "historia" do Perú e "destes feitos". "Non deixaremos que estraguen impunemente os nosos ecosistemas e a honra do noso pobo", sentenciou.  

Comentarios