Castillo cede á presión e 'modera' o Goberno peruano

Os ataques non cesaron desde que en xullo se confirmou a vitoria de Castillo e en agosto se presentou o Gabinete. O líder do seu partido, Cerrón, resumiu os últimos acontecementos e os que virán desta forma: "O presidente deberá elixir ante a disxuntiva do conservador ou do revolucionario". Por agora, decidiu optar polo 'moderado' e designou a avogada ambientalista Mirtha Vásquez como primeira ministra en substitución do marxista-leninista Guido Bellido.
goberno_peru_presidenciaperu1
photo_camera Castillo, con sombreiro, e Vásquez, á súa dereita, onte en Lima (Foto: Presidencia do Perú)

A forte presión da oposición política e dos medios de comunicación conservadores continúa a cobrarse trofeos no novel Goberno peruano. Primeiro foi Héctor Béjar, que presentaba a dimisión  como ministro de Exteriores polas intensas críticas a unhas declaracións acusando a Mariña de "terrorismo" durante a ditadura de Juan Velasco (1968-1980).

Mais o até agora e durante 69 días primeiro ministro, Guido Bellido, era unha peza de caza maior. Nas últimas horas os "poderes fácticos" ─tal e como el mesmo denunciou─ cobráronse a súa cabeza. Bellido presentou a renuncia ao cargo na cuarta feira a petición do presidente Pedro Castillo, que horas despois designaba e tomaba xuramento á súa substituta, Mirtha Vásquez.

Vásquez representa un perfil máis 'moderado' que Bellido. Avogada ambientalista da coalición de esquerdas Fronte Ampla, foi presidenta do Congreso entre 2020 e 2021. Representou ante a xustiza a labrega Máxima Acuña na loita contra o megaproxecto mineiro Conga, da estadounidense Newmont Mining, que a esta última lle valeu o Goldman, o 'premio Nobel' do ecoloxismo.

Cerrón e as esencias

Bellido comparte partido con Castillo, Perú Libre. Porén, o primeiro está situado na ala máis á esquerda desta formación marxista-leninista, mentres que o segundo considérase pragmático. Bellido era 'sospeitoso' de ser un apéndice do líder do partido, Vladimir Cerrón, que este 7 de outubro en Twitter defendía o dimitido/cesado. 

"Guido Bellido marcou un antes e un despois. Político consecuente coas súas ideas, coas promesas de campaña, coa Asemblea Constituínte, coa aurora da nova patria. O presidente deberá elixir ante a disxuntiva do conservador ou do revolucionario", escribía.

E engadía: "A mudanza de Gabinete debe excluír dereitistas, 'caviares' e traidores. É momento de que Perú Libre exixa a súa cota de poder, garantindo a súa presenza real, ou a bancada [os deputados de Perú Libre] tomar unha posición firme. Novo Perú [outro dos apoios do Goberno e que lidera Verónika Mendoza] e Fronte Ampla xa foron servidos".

O líder de Perú Libre insistiu na necesidade da Asemblea Constituínte. Considera que os últimos acontecementos responden á estrutura actual do sistema, que ─argumenta─ a través dos medios e dos xuíces atacou desde o primeiro instante o Goberno. 

Tamén fixo referencia ás ameazas do Congreso dun "golpe lexislativo" (a moción de confianza que se viña ventando). Por iso, defendeu unha nova Constitución: "de non o facer calquera presidente continuará coas mans atadas aos poderes fácticos". 

Gas natural

Para a prensa conservadora, porén, a purga gobernamental non abonda. No seu editorial de 7 de ourubro, "Cerrón continúa presente",  El Comercio poñía na diana a Luis Barranzuela, novo ministro do Interior, que até agora exercía de avogado do presidente e fundador de Perú Libre. En todo caso, o xornal felicitábase da saída de Bellido, unha persoa que "envileceu un cargo tan importante".

Tanto Bellido como Cerrón defenden a nacionalización da industria do gas natural, unha medida que recibiu forte oposición. O xa ex primeiro ministro solicitou hai unha semanas á multinacional gasista Pluspetrol ─a maior operadora no país─ unha reunión para renegociar co Estado os contratos de explotación para un aumento no pago de impostos.

La República, máis escorado cara a postulados progresistas, deu a benvida ás mudanzas no Goberno, coa inclusión de persoas como Betssy Chávez, criticada por "moderada" polos deputados de Perú Libre máis próximos a Cerrón. "Cerrón tensou a corda, abusou da súa posición e levou as contradicións até o límite do tolerábel", escribiu o xornal no seu editorial deste 7 de outubro, titulado "Castillo retoma o mando". 

A respecto da primeira ministra, afirmou que ten "capacidade de xestión, iniciativa política e voz activa. Todos estes elementos que van fomentar o diálogo e, polo tanto, a gobernabilidade converten a súa designación nun acerto".

A loita, na area

Castillo, nunha breve mensaxe á cidadanía, declarou que as decisións foron tomadas "en favor da gobernabilidade". "É momento de pór o Perú por riba de toda ideoloxía e posicións partidarias", dixo.

O presidente peruano, que mantivo como ministro de Economía o centrista Pedro Francke (tamén foco das críticas de Bellido e Cerrón), afirmou que "o equilibrio de poderes é a ponte entre o estado de dereito e a democracia". E este 7 de outubro en Twitter, escribiu: "A nova etapa no Goberno busca fomentar o diálogo, a gobernabilidade e o traballo en equipo. O noso grande obxectivo é loitar polos máis vulnerábeis e ímolo lograr".

Pola súa banda, Mirtha Vásquez  declarou na toma de posesión do seu cargo: "Por Deus, por este país de mulleres e homes que todos os días loitan por vivir con dignidade, sen discriminación e que promoven os reais cambios. Si, xuro".

Mentres, Bellido publicou en Twitter unha foto do filme de Ridley Scott Gladiator (2000), acompañada da frase "Volveremos a arena onde pertencemos". 

Traslado de Fujimori a un cárcere común

O ex ditador peruano Alberto Fujimori (1993-2000), condenado a 25 anos por delitos de lesa humanidade e a outros sete por corrupción, será trasladado do cárcere privilexiado en que está, como único residente, a unha prisión común. "Non pode ter privilexios", asegurou á radio local Exitosa o ministro de Xustiza, Aníbal Torres, un dos que permanece tras a remodelación do Goberno. Hai pouco o ex xefe de espionaxe con Fujimori, Vladimiro Montesinos, foi transferido a outra prisión máis estrita tras 20 anos nun cárcere militar desde onde chamaba por teléfono a diario, mesmo para interferir nas eleccións e axudar a filla do ditador encarcerado e líder da oposición, Keiko Fujimori. O pai, que leva 14 anos preso dos 83 que ten, foi operado na segunda feira. Mentres se recupera permanecerá na actual prisión, onde cultiva plantas nun xardín, pinta, cociña e ten unha enfermeira.

Comentarios