Castillo alerta dun golpe de Estado dirixido pola Fiscalía Xeral do Perú

A fiscal xeral do Perú, denunciada hai poucos días por Castillo, presenta unha denuncia constitucional contra o mandatario, ao que acusa de liderar unha organización criminal.
O ex presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: El comercio / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera O presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: El comercio / Zuma Press / Contactophoto)

A fiscal xeral peruana, Patricia Benavides, enunciou na madrugada da terza á cuarta feira unha denuncia constitucional contra o presidente, Pedro Castillo, ao que acusou de “presunto autor dos delitos contra a tranquilidade pública na modalidade de organización criminal agravada pola súa condición de líder”, nos que tamén implica o ex ministro de Transportes Juan Silva, fuxido desde xuño, e o ex ministro de Vivenda Geiner Alvarado.

72 horas antes, dous avogados próximos a Castillo presentaron unha denuncia contra Benavides por retirar do cargo a fiscal suprema provisional, Bersabeth Revillo, cando investigaba as dúas irmás da fiscal xeral, as xuízas Enma e Ruth Benavides, que terían liberado narcotraficantes a cambio de subornos e executado contratacións irregulares de traballadores públicos respectivamente.

O mandatario proclamou ao facerse pública a acusación que se iniciou “unha nova modalidade de golpe de Estado”, facendo fincapé en que a Fiscalía, “lonxe de xulgar os verdadeiros criminais”, está a perseguir “o Goberno que foi elixido lexitimamente polo pobo” con “artimañas e falsidades”.

Definindo a denuncia “como orquestrada e planificada”, Castillo ratificou que se manterá “firme” para dar solución aos “principais problemas do país”.

Segundo a Fiscalía, o presidente -que ten abertos até seis casos en contra- participou nunha organización criminal e cometeu tráfico de influencias cos ex ministros para favorecer o consorcio Puente Tarata III e a outras empresas en procesos de licitacións públicas.

Agora é a quenda da Subcomisión de Acusacións Constitucionais do lexislativo, que avaliará a denuncia e resolverá se prospera e chega á Comisión Permanente, último paso antes de ser votada no Congreso.

Este proceso abriría a porta a un novo proceso de destitución de Castillo, que sería o terceiro nos 15 meses que leva na Presidencia. Após superar os dous primeiros, o líder peruano ten cada vez máis difícil sobrevivir politicamente tras romper con Perú Libre, a formación que o levou a encabezar o Executivo, e que o acusou de manter un “modelo neoliberal perdedor” contrario ao programa electoral.

A isto hai que engadir a permanente inestabilidade na que está sumido o gabinete, polo que pasaron catro primeiros ministros e máis de 60 ministros distintos neste período, amais dos procesos xudiciais contra a súa familia e o choque permanente co lexislativo, no que o partido con máis representación é a Forza Popular de Keiko Fujimori.

Comentarios