O Perú, nun fío entre a Presidencia de Pedro Castillo e as chamadas ao golpe

Máis de dúas semanas despois de fecharse as urnas na segunda volta das eleccións presidenciais do Perú, Fujimori e os conservadores peruanos adían a proclamación de Castillo con acusacións, sen probas, dunha fraude masiva, mentres estenden a narrativa a favor dun golpe.
Marcha o pasado sábado para demandar o recoñecemento da vitoria de Pedro Castillo. (Foto: Carlos Garcia Granthon / ZUMA Wire / DPA)
photo_camera Marcha o pasado sábado para demandar o recoñecemento da vitoria de Pedro Castillo. (Foto: Carlos Garcia Granthon / ZUMA Wire / DPA)

O 6 de xuño celebrouse a segunda volta das eleccións presidencias no Perú, malia un lento reconto que se alongou até o 15 de xuño, o resultado final da Oficina Nacional de Procesos Electorais (OMPE) convertería en presidente o mestre rural Pedro Castillo (Perú Libre), que se impuxo por 44.214 votos a Keiko Fujimori (Fuerza Popular), filla do ex ditador Alberto Fujimori.

Ben que Fujimori mantivo o liderado na primeira parte do reconto, a medida que comezaron a chegas as actas de votación das zonas rurais Castillo empezou a recortar unha diferencia que desapareceu superado o 90% do reconto.

Os resultados finais despois de case 19 millóns de votos emitidos deixaron unha distancia do 0,25%, cunha participación do 74,57%.

Días antes, o 7 de xuño, 24 horas despois de terse fechado as urnas, Fujimori repetiu a estratexia que seguira en 2016 cando 41.000 votos de diferencia levaron á Presidencia do Perú a Pedro Pablo Kuczynski, denunciar un fraude sistemático.

A diferencia de Castillo, Kuczynki foi outro candidato de dereita que non propuña un cambio no status quo, nin unha nova constitución nin una nova economía resumida no lema de campaña do vencedor das eleccións por Perú Libre, “Non máis pobres nun país rico”.

Ese día, Fujimori anunciou que impugnaran 802 actas electorais por supostos erros nas sinaturas, denunciou irregularidades baseadas en noticias falsas procedentes das redes sociais e lanzou o cancelo #FraudeEnMesa para as persoas que tiveran información o respecto a difundiran.

Nesas xornadas, os grandes bufetes de avogadas e avogados de Lima, así como todos os partidos de dereito con representación, sumáronse a campaña de Fujimori para intentar demostrar a existencia dun fraude masivo e sistemático, presentando 1.088 peticións de nulidade de actas e 349 apelacións polo “fraude comunista” para cando menos retrasar a proclamación de Castillo como presidente.

Todo isto a pesar das declaracións de Adriana Urrutia, da Asociación Civil Transparencia -que tivo con 1.400 persoas fiscalizando o proceso-, de que “non hai ningunha evidencia que nos permita falar de fraude”, apoiadas polas misións de observación internacional da Organización de Estados Americanos, da Unión Interamericana da Organismos Electorais.

Tamén defenderon insistentemente esta posición os tres organismos electorais do Perú, a OMPE, o Rexistro Nacional de Identificacións e Estado Civil, e o Xurado Nacional de Eleccións (JNE), que está a retransmitir por videoconferencia todas as audiencias para tomar unha decisión sobre os recursos presentados principalmente por Forza Popular.

Amelia Hernández, representante do JNE, sinalou esta terza feira que até o 19 de xuño, os xurados electorais resolveran o 95% dos 1.088 das peticións de nulidade, sendo todas desestimadas.

Narrativa para o golpe de estado

A medida que avanzaba o reconto tamén foi desaparecendo a posibilidade de que os votos do estranxeiro compensaran a destacada vitoria de Castillo nos Andes e no sur do Perú, as zonas máis empobrecidas do Estado, que lle permitiron imporse en 16 departamento, nalgúns como Apurímac, Ayacucho, Cusco ou Huancavelica por enriba do 80% dos votos, e rozando o 90% en Puno.

Entón, a través dos principais medios peruanos, El Comercio e Perú21, que aínda non recoñeceron a Pedro Castillo como gañador das eleccións, comezaron a multiplicarse as apelacións a convocatoria dunhas novas eleccións, despois da proposta o 11 de xuño de Jorge Montoya, congresista de Renovación Popular e vicealmirante retirado da Armada, de “anular e convocar a novas eleccións para evitar a posíbel ingobernabilidade que se aveciña”.

Incluso co desmentido de expertos xudicial de que non hai xeito legal de aplicar esa medida, dous días despois de que a OMPE rematou de contabilizar todos os votos un grupo de militares retirados entregaron o 17 de xuño unha carta na sede do Comando Conxunto das Forzas Armadas en Lima.

No texto, defenden que se os tribunais rexeitan as reclamacións por fraude presentadas por Fujimori, o Exército tería que erguerse contra “un presidente ilegal e ilexítimo proclamado” tras unhas “eleccións fraudulentas”.

Non obstante a resposta a sexta feira do presidente Francisco Sagasti, o terceiro presidente no último ano, criticando as intencións golpistas e levando a carta a Fiscalía, esta segunda feira os militares retirados que impulsaron a misiva marcharon polas rúas de Lima para reivindicar que se lles escoitara baixo unha faixa de “non máis comunismo no Perú”.

En todo caso foi unha máis das manifestacións que enchen Lima desde que a candidata de Forza Popular aventurou a suposta existencia dun fraude electoral, mantendo nas rúas a tensión derivada dos problemas institucionais xerados por unha Constitución promulgada durante o réxime de Alberto Fujimori.

O punto álxido para esta narrativa chegou o domingo, cando as páxinas de El País recolleron o último artigo de Mario Vargas Llosa, premio Nobel de literatura e líder espiritual da dereita peruana, que a pesar do seu antifujimorismo declarado non dubidou en apoiala para evitar que “o Perú sexa unha segunda Venezuela en poucos anos”, indicou.

No texto, Vargas Llosa afirmou que malia atoparse en Madrid, a súa impresión por medio “das múltiples e contraditorias informacións que me chegan, é, cada día máis, que houbo graves irregularidades”, o que o leva a lexitimar a posibilidade dun golpe de estado, “a menos de proceder o JNE coa seriedade e responsabilidade que lle exixe Flores Nano [do equipo legal de Fujimori], a violencia pode estallar unha vez máis apenas se coñeza o fallo electoral. Antes de que isto aconteza, todo é preferíbel”.

Neste caso nin sequera os Estados Unidos, que impulsaron a práctica totalidade dos golpes de estado no continente, deron pábulo a posibilidade de fraude, esta terza feira o voceiro do Departamento de Estado, Ned Price, cualificou as eleccións do 6 de xuño como “xustas e un modelo de democracia na rexión”.

Acusacións e resultados pendentes

Keiko Fujimori xa recibiu desde o 6 de xuño tres solicitudes para que volva a prisión preventiva, ao enfrontar unha acusación penal na que piden 30 anos de prisión para ela por lavado de diñeiro e recibir achegas ilegais da construtora brasileira Odebrecht na campaña presidencial que liderou en 2011, e de empresarios peruanos nas campañas de 2011 e 2016.

Aínda restan uns días para que a JNE remate de revisar as impugnacións, mais previndo a súa desestimación, Fujimori fixo público onte a presentación dun recurso de habeas data para exixir a copia certificada da listaxe de todas as persoas que votaron na segunda volta -en contra das leis peruanas de privacidade- e manter a denuncia de fraude.

De xeito independente a esta demanda, que segundo os expertos tardará meses e até anos en resolverse, continúan as audiencias para resolver as apelacións pendentes, despois das cales se proclamará oficialmente electa a persoa que dirixirá o Perú nos vindeiros cinco anos. Na man de Fujimori, a dereita peruana e o Exército está recoñecer a decisión democrática do pobo do Perú.

Comentarios