O Congreso do Perú debate a destitución do presidente

A moción está impulsada polas forzas derrotadas nas eleccións presidenciais. Precisan o 40% dos apoios no Congreso para ser admitida a trámite.
O Congreso do Perú nunha imaxe de arquivo. (Foto:  Karel Navarro / Presidencia Peru / d / DPA)
photo_camera O Congreso do Perú nunha imaxe de arquivo. (Foto: Karel Navarro / Presidencia Peru / d / DPA)

A admisión da moción de destitución presidencial presentada  por Forza Popular, a formación que apoia o ex ditador Alberto Fujimori, a conservadora Avanza País e a forza de extrema dereita Renovación Popular, debateuse onte no Congreso do Perú. Á hora de feche desta edición, aínda non se producira a votación.

Para que a moción contra o presidente Pedro Castillo fose admitida a trámite, precisaría de 52 votos no Congreso peruano -no caso de estar presentes as 130 lexisladoras e lexisladores-. Posteriormente, para que a destitución se fixese efectiva, tería que contar co sustento de 87 votos na Cámara.

As forzas que impulsaron o proceso apenas suman 43 asentos, polo que apelaron ao resto de formacións a apoiar unha proposta que desde o Goberno do Perú cualifican como “un pretexto” da oposición pola súa derrota nos comicios presidenciais, sostivo o ministro de Xustiza, Aníbal Torres, que a proclamou un intento de “golpe de Estado”.

Amais, Torres anunciou durante a fin de semana que se a moción prospera recorrerán perante o Tribunal Constitucional, co gallo de que Castillo non ten ningunha investigación pendente que avale a moción.

O presidente mantivo nos últimos días xuntanzas con distintos actores sociais e partidos políticos. Aínda que anunciaran que non asistiría ningunha das tres formacións que buscan a destitución, finalmente Avanza País si acudiu. Con todo, na reunión acusaron a terceira vicepresidenta do Congreso, Patricia Chirino, de presentar a moción a costas do resto da dirección.

Malia a advertencia de que podería ser expulsada pola decisión, Avanza País rematou por defender a admisión da moción para acabar co mandato de Castillo.

En teoría, o presidente contaba co apoio dos grupos non conservadores con maior representación no Congreso, como Acción Popular e Alianza para o Progreso, así como Perú Libre, polo que concorreu ás eleccións. Porén, os voceiros de distintas forzas alertaban da posibilidade de que disidentes no seo destas bancadas permitisen á dereita chegar aos 52 apoios e continuar coa tramitación parlamentar.

A posibilidade de que o lexislativo acabe co mandato presidencial é responsábel en parte da inestabilidade política que se viviu no país nos últimos anos até a chegada de Castillo.

Por esta vía, case foi destituído o ex presidente Pedro Pablo Kuczynski e resultou destituído Martín Vizcarra, dous dos catro presidentes que tivo o territorio entre 2016 e 2021.

Comentarios