A dereita peruana lanza o segundo asalto a Castillo tras oito meses de asedio

O Congreso aproba debater unha nova moción de censura ao presidente.
EuropaPress_4216890_handout_25_january_2022_peru_ancon_peruvian_president_pedro_castillo_greets
photo_camera O presidente Castillo, o pasado 25 de xaneiro en Ancón, nunha visita aos traballadores de limpeza polo vertido de petróleo de Repsol (Foto: Juan Carlos Guzman Negrini / Presidencia do Perú)

O presidente do Perú, Pedro Castillo, recoñeceu "erros e desacertos" nos seus menos de oito meses de xestión, mais negou as acusacións que o vinculan con actos de corrupción, algo que atribuíu a un intento "sistemático" da oposición por cuestionar a súa lexitimidade.

Durante unha comparecencia ante o pleno do Congreso, o mandatario chamou á conciliación política para "pór fin ás disputas mesquiñas" e traballar "xuntos" polo benestar do pobo peruano.

As palabras de Castillo chegan horas despois de o Congreso aprobar un debate de moción de censura contra el, que se desenvolverá o 28 de marzo. É a segunda tentativa de destitución xusto oito meses despois de asumir o cargo, o pasado 28 de xullo de 2021. Oito meses de mandato en que designou un total de catro gabinetes ministeriais, abaneando entre a esquerda e a dereita políticas.

Nesta ocasión, a moción foi promovida pola ultradereitista Renovación Popular (RP) e contou co apoio de Forza Popular (FP), da ex candidata presidencial, a ultraconservadora Keiko Fujimori); tamén, das formacións da dereita Somos Perú, Avanza País, Podemos Perú e Alianza polo Progreso.

A moción baséase nas supostas "contradicións e mentiras" de Castillo durante as investigacións fiscais que o involucraron. Tamén pon en cuestión varias designacións ministeriais, así como a existencia dun suposto "gabinete na sombra", segundo o texto presentado polo almirante retirado Jorge Montoya, deputado de RP.

De vacancia en vacancia

A "vacancia" ─ese é o nome oficial desta especie de xuízo político─ trátase dun mecanismo capcioso, orixinado na Constitución de 1839 e ratificado en todas as posteriores até a actual de 1993. Unha ferramenta destinada a verificar as capacidades do presidente para exercer o cargo, mais cunha definición ambigua e un proceso de execución relativamente sinxelo: 20% dos deputados pódena solicitar, 40% admitila a trámite, e 66% (87 de 130 lexisladores) aprobala.

Isto  favorece que poida ser usada con intereses políticos espurios, e iso é o que se denunciaba nas mobilizacións de novembro de 2020 contra a investidura de Manuel Merino como novo presidente, 24 horas despois de o Congreso aprobar a destitución de Martín Vizcarra, con acusacións nas rúas de "golpe de Estado"

Dous mozos de 22 e 24 anos faleceron a disparos da Policía naquelas protestas, que acabaron coa dimisión de Merino e a asunción no cargo de Francisco Sagasti até as eleccións da primavera pasada, cando se renovou o Parlamento unicameral e Castillo foi elixido presidente en segunda volta. 

Agora, segundo informou o Congreso nun comunicado, aprobouse a moción 2148 ─con 76 votos a favor, 41 en contra e 1 abstención─ que "propón declarar a permanente incapacidade moral do presidente da República".

"Entristéceme que continúen as cambadelas e non se escoite o pobo", declarou Castillo tras coñecer o resultado. "Non viñemos a roubarlle un centavo ao pobo. Ninguén nos distrae porque o que nada debe, nada teme", manifestou, confiado en superar de novo este segundo impeachment

Polo momento Perú Libre, o partido marxista que lle deu cheda para chegar á Presidencia e con quen mantén fondas diferenzas, non está polo labor de substituílo, mais a cada día que pasa o futuro de Castillo é máis incerto. 

O acceso ao mar de Bolivia, outro ariete  contra o presidente

Facilitar saída ao mar a Bolivia, que a perdeu tras a Guerra do Pacífico (1879-1884) en favor de Chile, é outro dos motivos alegados para presentar a moción, aproveitando unhas palabras descontextualizadas de Castillo nunha entrevista. Volveu incidir na cuestión noutra, realizada tamén en CNN, asegurando que nunca falara de cesión de soberanía e lembrando que fora en 1992, co ultradereitista Alberto Fujimori no poder, que se acordou Bolivia Mar, a praia de 5 km arrendada polo Perú a Bolivia por 99 anos.

Por outra parte, o Goberno boliviano subliñou  nas últimas horas que a súa reivindicación marítima era "irrenunciábel" para poder retomar as relacións diplomáticas con Chile. Unha declaración que chega despois da proposta realizada polo novo presidente chileno, Gabriel Boric, de rachar con máis de 40 anos de silencio diplomático. 

Comentarios