Dimite en bloque o Goberno da Autoridade Palestina pola invasión israelí de Gaza e a "escalada sen precedentes" en Cisxordania

O agora ex primeiro ministro, Mohammad Shtayyeh, denuncia que a poboación palestina fai fronte a "un xenocidio, intentos de desprazamentos forzosos, morte por fame en Gaza, intensificación do colonialismo e do terrorismo dos colonos e as repetidas invasións de campamentos de refuxiados e localidades de Cisxordania".
O desde hoxe ex primeiro ministro palestino, Mohammad Shtayyeh, cun retrato do presidente Mahmoud Abbas de fondo. (Foto: Ayman Nobani / DPA)
photo_camera O desde hoxe ex primeiro ministro palestino, Mohammad Shtayyeh, cun retrato do presidente Mahmoud Abbas de fondo, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Ayman Nobani / DPA)

A escalada da violencia "sen precedentes" tanto en Gaza como en Cisxordania tras a invasión perpetrada por Israel desde o pasado 7 de outubro levou esta segunda feira o Goberno da Autoridade Palestina a presentar a súa dimisión. Así o anunciou o até o de agora primeiro ministro, Mohammad Shtayyeh, durante unha reunión do seu equipo en Ramallah que culminou coa súa renuncia en bloque, que agora deberá aceptar o presidente Mahmoud Abbas.

Esta drástica decisión, dixo, é froito dos "acontecementos políticos, económicos e de seguridade" derivados da "agresión de Israel contra o pobo palestino en Gaza" e a "escalada sen precedentes" en Cisxordania, incluíndo a cidade de Xerusalén Leste. As e os seus compatriotas, afirmou, enfróntanse desde hai meses a un "ataque feroz e sen precedentes; un xenocidio, intentos de desprazamentos forzosos, morte por fame en Gaza, intensificación do colonialismo e do terrorismo dos colonos e as repetidas invasións de campamentos de refuxiados e localidades de Cisxordania".

"Seguiremos en confrontación coa ocupación e a Autoridade Palestina seguirá loitando para estabelecer un Estado na terra de Palestina", salientou Shtayyeh, que fixo alusión ás "situacións complexas" nas que o seu Goberno tivo que traballar desde que tomou posesión do cargo en abril de 2019, hai case cinco anos. Tamén lembrou os "intentos" das autoridades israelíes de "liquidar a UNRWA (Axencia da ONU para as Refuxiadas Palestinas), repudiar todos os acordos asinados e [artellar] unha anexión gradual das terras palestinas".

Reunión do Goberno da Autoridade Palestina, esta segunda feira, en Ramallah. (Foto: Ayman Nobani / DPA)
Reunión do Goberno da Autoridade Palestina, esta segunda feira, en Ramallah. (Foto: Ayman Nobani / DPA)

Esta mesma segunda feira o Ministerio de Sanidade de Palestina en Gaza eleva a 29.782 as vítimas mortais, a meirande parte crianzas e mulleres, desde que o Exército hebreo iniciou unha insólita vaga de ataques sobre a Faixa co pretexto de "derrotar Hamás". Ou, o que é o mesmo, o 1,31% da poboación total de Gaza faleceu por mor dos bombardeos neste tempo. Aliás, até 70.043 persoas resultaron feridas de diversa consideración desde outubro pasado.

E antes do estoupido da represión israelí após os atentados de Hamás, Shtayyeh lembrou os grandes desafíos aos que tivera que facer fronte o seu Executivo, desde o 'acordo do século' impulsado polo daquela presidente dos EUA Donald Trump, que buscaba "pór fin á causa palestina", até a pandemia da Covid-19 e as múltiples repercusións derivadas da invasión rusa e a guerra en Ucraína, así como as "continuadas accións dos sucesivos gobernos israelíes sobre colonización, asasinato, abusos e xenocidio" contra o pobo palestino en Gaza.

O seu Goberno, dixo, "foi capaz de lograr un equilibrio entre satisfacer as necesidades do pobo [...] e preservar os dereitos políticos", se ben matizou que a "seguinte etapa" política en Palestina e mais os seus "desafíos" requiren de "novos acordos gobernamentais e políticos que teñan en conta a nova realidade na Faixa de Gaza, as conversas de unidade e a necesidade urxente dun consenso intrapalestino [...] coa extensión da autoridade da Autoridade Palestina a todo o territorio", incluíndo Gaza, controlada actualmente por Hamás.

Comentarios