O Monitor Euromediterráneo de Dereitos Humanos denuncia que o Exército israelí "executou" 13 nenos no hospital Al Shifa

A ONG, con sede en Suíza,  cualifica o suceso de "crime de guerra" e de "crime contra a humanidade" e exixe a intervención da comunidade internacional
photo_camera Un traballador médico amosa unha bala o pasado mes de decembro no interior del Hospital Al Shifa, (Foto: Europa Press / Contacto / Saeed Jaras)

"En flagrante violación do dereito internacional, en particular do dereito internacional humanitario, o Exército israelí executou esta semana 13 nenos mediante disparos directos no Complexo Médico Al Shifa e os seus arredores da cidade de Gaza. Trátase dun crime de guerra e un crime contra a humanidade".

Así principia o comunicado emitido polo Monitor Euromediterráneo de Dereitos Humanos, organización non gubernamental independente con sede en Xenebra (Suíza) que defende os dereitos humanos en Europa e na rexión de Medio Oriente e Norte de África. O seu obxectivo principal é concienciar a comunidade internacional sobre as violacións de dereitos humanos.

Desde hai máis dunha semana, o Exército israelí leva a cabo operacións militares "sistemáticas e horribles" no interior e arredores do Complexo Médico Al Shifa. "Estes crimes inclúen execucións extraxudiciais e asasinatos deliberados de civís palestinos. O equipo de campo de Euro-Med Human Rights Monitor afirma que recibiu "idénticos testemuños sobre os asasinatos e execucións de nenos palestinos de entre 4 e 16 anos", afirma a ONG.

Algúns dos tiroteos mortais, denuncia, producíronse durante un asedio do Exército israelí mentres as familias das vítimas estaban dentro das súas casas; outros ocorreron cando as vítimas tentaban escapar por roteiros que o exército israelí designara como "seguras" tras evacualas pola forza dos seus fogares e lugares de residencia.

Ali e Saeed Salouha

O palestino Islam Ali Salouha vive perto do Complexo Médico Al Shifa. Salouha declarou, indica a ONG, que as forzas israelís mataron os seus fillos Ali, de nove anos, e Saeed Muhammad Sheikha, de seis, diante das súas familias e veciños. Segundo el, dispararon especificamente contra os nenos con balas reais.

Segundo Salouha, a familia decidiu quedar no seu apartamento con outros residentes porque non tiñan forma segura de saír tras máis dunha semana de asedio das forzas israelís dentro da súa casa en frecuentes redadas.

Explicou que a tarde do domingo 24 de marzo de 2024, o Exército israelí ordenou a todos os que se atopaban nas inmediacións, a través de altofalantes, que abandonasen inmediatamente a súa zona residencial ou se enfrontarían ao bombardeo da súa casa. En consecuencia, os residentes víronse obrigados a abandonar a zona con varios dos seus veciños e cruzar unha estrada sementada de cadáveres que o exército israelí designara para os desprazamentos.

Salouha contou que só puideron camiñar uns dez metros antes de verse de súpeto expostos a intensos disparos, que alcanzaron sobre todo os dous nenos, Ali e Saeed. Os nenos caeron diante deles, cos corpos cubertos de sangue. Cando tentaban levantar aos dous nenos do chan, dixo, as forzas israelís volveron abrir fogo contra eles, obrigándoos a deixar Ali e Saeed no chan e a seguir camiñando.

O 28 de marzo, o Exército israelí lanzou unha operación militar masiva contra o Complexo Médico de Shifa, converténdoo nun cuartel militar e transformando os arredores nunha zona militar, no medio de bombardeos aéreos e de artillería ininterrompidos e fogo real.

"O relator especial das Nacións Unidas sobre execucións arbitrarias ou extraxudiciais debe tomar medidas urxentes para investigar e documentar os homicidios cometidos polas forzas israelís no Complexo Médico Al Shifa e as súas inmediacións, e presionar para que se tomen medidas efectivas para que os autores e quen deu as ordes rendan contas".

A ONG chama a atención sobre a necesidade de protexer os nenos e nenas palestinas, "que son máis vulnerábeis aos continuos crimes israelís na Faixa de Gaza e aos que o dereito internacional non ofrece ningunha protección. Pola contra, o Exército israelí converteunos nun obxectivo claro e presente de asasinatos, execucións e ataques indiscriminados, ademais de negarlles alimentos, refuxio e atención médica".

"Dado que os nenos palestinos constitúen máis dun terzo das vítimas mortais dos crimes de Israel na Franxa de Gaza, en curso desde o 7 de outubro de 2023, o asasinato destes nenos polo Exército israelí de forma tan sistemática e xeneralizada é claramente intencionado. Isto constitúe unha proba máis do xenocidio de Israel contra o pobo palestino na Franxa de Gaza, así como da súa destrución deliberada de xeracións enteiras de palestinos que viven alí".

A comunidade internacional debe actuar con rapidez e contundencia para defender aos civís palestinos do xenocidio que Israel leva a cabo na Faixa de Gaza desde hai case seis meses, reclama. Tamén debe exercer unha presión efectiva para pór fin aos graves crimes que Israel comete alí, como os seus ataques contra o Complexo Médico Al Shifa e outras instalacións médicas, e debe garantir que Israel cumpre os requisitos do dereito internacional e as normas da guerra, que especifican a necesidade de protexer aos civís e non atacalos por ningún motivo.

"A Corte Penal Internacional (CPI) debe actuar de inmediato para que Israel renda contas polos crimes da súa responsabilidade. Tamén debe dar prioridade a traballar e investigar o que ocorre en Gaza, dado que a gravidade dos crimes que alí se cometen repercute na paz e a seguridade mundiais".

Comentarios