Mitsotakis xura como primeiro ministro grego tras as eleccións do domingo

Case a metade da poboación de Grecia non votou na repetición dos comicios de maio, que permitiron aos conservadores obter a maioría absoluta a pesar de perder apoio grazas ao cambio de sistema electoral.
Kyriakos Mitsotakis. (Foto: Angelos Tzortzinis / DPA)
photo_camera Kyriakos Mitsotakis. (Foto: Angelos Tzortzinis / DPA)

Kyriakos Mitsotakis, líder da conservadora Nova Democracia, xurou a segunda feira como primeiro ministro de Grecia, poucas horas despois de que a presidenta, Katerina Sakelaropulu, lle encargase a tarefa de formar Goberno após a maioría absoluta que obtivo a formación nos comicios parlamentarios do domingo. Amais, foi anunciado o novo Executivo, que tomará posesión hoxe no Palacio Presidencial.

Deste xeito, Mitsotakis recupera o cargo que ocupou desde 2019 ao 25 de maio deste ano, cando deu paso a un Gabinete interino tras as eleccións parlamentarias dese mes, que desembocaron nos comicios do domingo pola falta dun acordo posíbel ante o papel chave que outorgou aos escanos de  extrema dereita.

Na repetición electoral, impulsada tamén por Nova Democracia pola aplicación dun novo sistema electoral que beneficia as forzas maioritarias, fíxose coa maioría absoluta cunha porcentaxe de voto lixeiramente inferior á de maio, mais que lle permitiu obter 158 asentos.

En segundo lugar ficou a progresista Syriza con 48 escanos, seguida do Movemento Socialista Panhelénico con 32 e do Partido Comunista con 20. A última forza progresista, Rumbo á Liberdade, quedou con 8 representantes.

No campo da extrema dereita, que alcanzara 16 escanos en maio con Solución Grega, esta formación rematou os comicios con 12, mais outras dúas forzas de ultradereita entraron no lexislativo, Espartanos con 12 e o Movemento Patriótico Democrático Vitoria con 10.

Se nas votacións de maio a participación quedou en 61%, o pasado domingo apenas votou 52,8% do electorado.

O líder de Syriza, Alexis Tsipras, que puxo o seu cargo a disposición da organización, incidiu en que “o resultado electoral é principalmente negativo para a sociedade e para a democracia”, e aseverou que a aparición no lexislativo destas tres forzas, “unha das que ten extensións e conexións fascistas, combinada coa maioría da dereita de Mitsotakis, é un feito negativo”.

Nese sentido, medios gregos abordaron o debate sobre se a Xustiza do país fallou ao non impedir a presenza nas papeletas de Espartanos, partido con conexión con integrantes de organizacións neonazis condenadas pola Xustiza, despois de que outra forza de extrema dereita, Amencer Dourado, fora ilegalizada.

Pola súa parte, Mitsotakis recalcou que o resultado “fechou de forma sonora e permanente un ciclo de toxicidade que atacaba a sociedade”.

Comentarios