Grecia

O conservador Mitsotakis logra a maioría absoluta nunha repetición electoral que eleva a extrema dereita

Malia a desaparición de Amencer Dourado, até tres formacións vinculadas á extrema dereita estarán representadas no Consello dos Helenos na próxima lexislatura, con 34 de 300 escanos. A Nova Democracia de Kyriakos Mitsotakis gobernará outros catro anos e Syriza e o Pasok retroceden.
Kyriakos Mitsotakis, nun mitin de campaña. (Foto: Angelos Tzortzinis / DPA)
photo_camera Kyriakos Mitsotakis, nun mitin de campaña. (Foto: Angelos Tzortzinis / DPA)

A dereita ficará no poder en Grecia os próximos catro anos. Após abocar o país a unha nova cita coas urnas só un mes despois das eleccións do pasado maio, debido á falta de apoios para gobernar, os conservadores de Nova Democracia recuperaron este domingo a maioría absoluta con 40,6% dos votos e 158 dos 300 escanos en disputa no Consello dos Helenos.

En segunda posición, pero con menos da metade dos sufraxios, situouse a Syriza do ex mandatario Alexis Tsipras, que obtivo o peor resultado da década: 17,8% dos apoios e 48 deputados, 23 menos que os que lle outorgara a cidadanía hai só un mes. Séguena os socialistas do Pasok, con 32 asentos e 11,9% de votos. E, a unha maior distancia, o Partido Comunista de Grecia (7,7% e 20 actas).

A extrema dereita logra 34 escanos da man de Solución Grega, Espartanos e Niki

Malia a desaparición do partido vinculado ao movemento neonazi Amencer Dourado —ilegalizado en outubro de 2020, a extrema dereita obtivo representación de novo no Parlamento heleno a través de até tres formacións diferentes: Espartanos (4,7% e 12 escanos), Solución Grega (4,4% e 12) e Movemento Patriótico Democrático-Vitoria 'Niki' (3,7% e 10).

Finalmente, Curso da Liberdade, a forza esquerdista fundada pola ex dirixente de Syriza Zoi Konstantopoulou, recolleu 8 actas con 3,2% dos votos, mentres outro antigo socio de Tsipras, o que fora o seu ministro de Finanzas, Yanis Varoufakis, non logrou entrar na Cámara após ficar a súa Fronte Europea de Desobediencia Realista (MeRA25) con 2,4% dos apoios. Foi un resultado semellante ao de maio e un punto inferior ao de 2019, cando lograra 9 asentos.

A participación nesta nova cita roldou 52,8%, o que se traduce nunha caída de até oito puntos porcentuais en comparanza coas eleccións do pasado 21 de maio. Daquela a extrema dereita quedara representada polos 16 deputados de Solución Grega.

"Os gregos entregáronnos unha maioría contuntende para seguir pola senda dos grandes cambios que precisa o noso país. Fecharon con sonoridade e de forma permanente un ciclo de toxicidade que ataba a nosa sociedade", celebrou o gran vencedor dos comicios, o conservador Kyriakos Mitsotakis, após coñecer os resultados definitivos.

Un resultado "negativo" nas filas de Syriza, tal e como recoñeceu o propio Alexis Tsipras, nun exercicio de autocrítica: "Non fai falla nin dicir que neste proceso de reconstrución de Syriza eu serei o primeiro en someterme ao xuízo dos afiliados [...] Imos convocar toda a militancia para xulgarnos a todos", dixo. Tamén se referiu ao ascenso da ultradereita, unha cuestión "negativa sobre todo para a sociedade e a democracia" da que, afirmou, "Nova Democracia é responsábel".

Desde o Pasok, o seu líder, Nikos Androulakis, defendeu que o partido está "cada vez máis forte, renovado e avanzando", a pesar de perder 9 escanos a respecto de maio. Os socialistas helenos non logran un triunfo electoral desde 2009, cando puideron gobernar con maioría absoluta. "Ten que preocuparnos o auxe da extrema dereita e as formacións neonazis", alertou.

Comentarios