Os combatentes palestinos frean o Exército israelí na cidade de Gaza

Máis de 9.000 persoas foron asasinadas por Israel na Faixa desde o 7 de outubro.
Crianza nun hospital de Gaza, hoxe. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Crianza nun hospital de Gaza, hoxe. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / Contactophoto)

No marco da invasión terrestre por varias frontes lanzada por Israel contra o norte da Faixa de Gaza, tratando de cortar en dous o territorio para deixar illada a cidade homónima, os combatentes do grupo palestino Hamás impediron hoxe o avance das tropas israelís no noroeste da urbe, reporta a canle Al Mayadeen.

Ao tempo, o Exército israelí continúa bombardeando todo o territorio, con especial énfase nos campos de persoas refuxiadas, que acollen arredor de 70% da poboación de Gaza, e que chegaron logo das limpezas étnicas cometidas por Israel contra o pobo palestino. 

Crimes de guerra

Amais dun ataque contra o campo de Bureij, que matou no mínimo 15 persoas, por terceiro día consecutivo foi bombardeado o campo de Jabalia, cun saldo mortal de 29 persoas, a meirande parte por un mísil dirixido contra unha escola. 195 persoas morreran polos bombardeos anteriores, que a Organización das Nacións Unidas (ONU) cualificou como “ataques desproporcionados que poderían constituír crimes de guerra”, entre as denuncias no seo da entidade polo xenocidio de Israel contra as e os palestinos de Gaza.

Desde o 7 de outubro, 9.061 persoas foron asasinadas na Faixa polos ataques israelís, 40% crianzas, e 2.600 persoas fican baixo os cascallos dos edificios destruídos por Israel, 1.150 nenas e nenos. En Cisxordania, 132 persoas foron asasinadas por tropas e colonos israelís entre detencións masivas.

Coa posibilidade da reclamación por parte da ONU dun alto o fogo freada polos Estados Unidos e a Unión Europea, que reiteran o seu apoio fechado ás accións israelís, unha crianza palestina incidiu na canle Al Jazeera en que “o que se ve nas pantallas de televisión non é nin sequera 5% do que vivimos no terreo, a xente é asasinada, despezada, outros morreron carbonizados”.

Pola súa parte, Alemaña prohibiu Samidoun, unha organización de defensa dos prisioneiros palestinos, á que acusa de difundir “propaganda anti israelí e anti xudía” logo de que entregara doces tras a operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

Xa en Bahrain, un dos Estados árabes que normalizou as súas relacións con Israel en 2020 baixo o auspicio de Washington, o lexislativo anunciou a retirada do seu embaixador en Tel Aviv e a suspensión dos intercambios económicos. Antes, Chile, Colombia e Xordania retiraran os seus embaixadores e Bolivia rachou relacións con Israel.

Comentarios