A crueldade israelí non cesa. Aumentan a 9.500 as mortes en Palestina, incluídas 3.900 crianzas

"Recibimos nas últimas horas 2.200 informes de persoas desaparecidas, incluídos 1.250 nenos que aínda están baixo os entullos", detallaron as autoridades sanitarias palestinas.
Dúas crianzas palestinas entre as ruínas en Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
photo_camera Dúas crianzas palestinas entre as ruínas en Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).

O Ministerio de Saúde de Palestina anunciou este sábado que máis de 9.500 palestinas e palestinos perderon a vida e outros 24.000 resultaron feridos tras os intensos bombardeos de Israel á Faixa de Gaza.

Segundo se desprende do comunicado, ao que tivo acceso Al-Jazeera, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) cometeron dez masacres nas últimas horas, cobrando a vida de outros 231 habitantes, dos cales máis da metade son nenos.

"Recibimos 2.200 informes de persoas desaparecidas, incluídos 1.250 nenos que aínda están baixo as ruínas", detallaron as autoridades.

Así mesmo, informouse que Israel atacou "deliberadamente 105 institucións de saúde e deixou fóra de servizo 16 hospitais", deixando como saldo 150 paramédicos mortos.

Os informes das autoridades de sanidade palestinas sinalan que 3.900 nenos palestinos perderon a vida desde que comezou a última escalada militar por parte de Israel o 7 de outubro.

Ataques a escolas

Nesta mesma xornada, a escola da Al Fakhoora, pertencente á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) foi atacada polas FDI.

A institución localízase no campo de refuxiados de Jabalia, que foi atacado tres veces nos últimos días, e acolle multitude de palestinos desprazados.

As tácticas militares das FDI están apoiadas e autorizadas polo liderado israelí, que afirma que "o sufrimento dos palestinos só terminará coa eliminación de Hamás". Así o dixo o presidente de Israel, Isaac Herzog, nun recente artigo.

Comentarios